3 de xul. de 2021

O ROSAL

Centos de persoas concentráronse no Rosal en defensa do servizo de Atención Primaria  

· A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal inicia varias accións para denunciar o progresivo desmantelamento  


Esta foi á imaxe rexistrada na mañá de hoxe na Praza do Calvario, onde á veciñanza concentrouse para denunciar. unha vez máis, as carencias do servizo de Atención Primaria que sufrindo O Rosal
Fotos: C.O.R.
 

Infogauda / O Rosal

 Centos de persoas concentráronse este sábado na Praza do Calvario para denunciar unha vez máis as carencias do servizo de Atención Primaria que está a sufrir O Rosal dende hai tempo e pedir que se lle poña freo ao progresivo desmantelamento. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal recalca que a situación dende o comezo da pandemia foi a peor, xa que o Sergas tomou unha serie de medidas presentadas como temporais “que agora ten intención de prolongar de xeito indefinido”. 

 Unha das eivas atópase no servizo de Pediatría, que se desprazou á Guarda de forma temporal pero que aínda non volveu ao centro de saúde rosaleiro e que nos últimos meses viuse agravada ao estar de baixa a pediatra titular e non ser substituída, polo que os nenos e nenas do Rosal carecen dun seguimento médico axeitado. 

 Non é unha situación illada: non se envían substitutos para o persoal de baixa, deixando ás e aos pacientes sen continuidade na asistencia médica, e impúxose a atención telefónica prioritaria, sobrecargando ao persoal sanitario na atención de pacientes e deixando a rosaleiros e rosaleiras cunha demora de máis de dúas semanas para poder acudir ao médico. 

 Por outra banda, o consultorio de San Miguel de Tabagón leva pechado pola Consellería dende comezos da pandemia sen perspectiva de que se lle dote do persoal e do material necesarios para reactivar a súa actividade. 

 Ademais, de cara ao verán, o Sergas xa anunciou que non se van substituír as vacacións do persoal, o que deixará ao centro de saúde cunha soa médica para máis de 6.000 persoas. Ante esta situación “absolutamente inaceptable que non fai outra cousa que deteriorar gravemente o servizo de atención primaria e poñer en grave perigo a saúde da veciñanza”, a Plataforma reclama á Consellería de Sanidade: 

- Un servizo de pediatría de calidade no Rosal. 

- A recuperación da praza de matrona. 

- A substitución das baixas e vacacións do persoal sanitario. 

- Atención presencial na Atención Primaria dotando aos profesionais dos medios precisos. 

- A creación dunha praza máis de persoal médico e dúas de persoal de enfermería.  

- A dotación das infraestruturas, espazos e equipamentos necesarios para unha Atención Primaria de calidade.  


Unha das médicas do Centro de Saúde do Rosal nun momento da súa intervención
Momento no que a alcaldesa do Rosal dirixiuse á veciñanza congregada esta mañá diante da Casa do Concello

As sinaturas recollidas serán entregadas na delegación da Consellería de sanidade e na xerencia do SERGAS
A alcaldesa e unha médica do Centro de Saúde do Rosal coas veciñas e veciños do Rosal


 Durante a concentración as persoas participantes escoitaron o testemuño dunha das médicas do centro de saúde e recolléronse sinaturas para que se tomen medidas ante o progresivo deterioro do servizo que se entregarán nos vindeiros días na delegación da Consellería de Sanidade e na xerencia do SERGAS. Ademais, dende o pasado 1 de xullo a Plataforma ten un cartel no centro de saúde no que se vai actualizando cada día a información sobre o persoal que está de servizo nesa xornada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario