22 de xul. de 2021

O ROSAL

‘Cocreando Sociedade’ comeza a dar forma a novas iniciativas para un O Rosal máis inclusivo   

· En xullo celebráronse varias sesións de mentorización que remataron co traballo en paralelo de tres actividades   

· A primeira acción será o 25 de xullo na Praza do Calvario, unha experiencia sensorial na que participarán a Agrupación Musical do Rosal e as asociacións San Xerome e Avelaíña  


Tras as sesións participativas presenciais coas que arrancou o proxecto, durante este mes de xullo o proxecto continuou con tres sesións participativas en liña

Foto: C.O.R.
  

Infogauda / O Rosal

 ‘Cocreando Sociedade’ avanza a bo ritmo e xa está a dar forma a novas iniciativas que permitan facer do Rosal un municipio máis inclusivo. Trátase dun proxecto piloto participativo e transversal impulsado polo Concello para estreitar lazos entre colectivos entre tecido asociativo, administración local e entidades que traballan a prol da diversidade e a través do que xa están a deseñar de forma conxunta estratexias e iniciativas inclusivas.  

 Tras as sesións participativas presenciais coas que arrancou o proxecto, durante este mes de xullo o proxecto continuou con tres sesións participativas en liña a modo con pequenas salas nas que se recreou o espírito de traballo en equipo en pequeno formato para detectar necesidades e desenvolver as diferentes ideas formuladas. 

 Durante este tempo, a Agrupación Musical do Rosal, a Sociedade Deportiva Atlético Novás, a Unión Deportiva Ribera, o Club Ciclista O Rosal, Galiña Azul do Rosal, CRA María Zambrano, CPI Manuel Suárez Marquier, a Asociación San Xerome e a Asociación Avelaíña participaron nestas accións de mentorización que buscaban “capacitar a todas as entidades participantes para elaborar plans de acción pilotos para novas ideas vinculadas coa inclusión no territorio de xeito participativo e asegurar así que nun futuro todas poidan seguir traballando en conxunto de maneira autónoma”, como explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández. 

 Nestes encontros virtuais traballáronse tres iniciativas en paralelo centradas nas entidades deportivas, na apertura dos centros educativos e dos que traballan coa diversidade e coa música. Esta última será a primeira actividade do ‘Cocreando Sociedade’ que vexa a luz: o vindeiro domingo 25 de xullo a Agrupación Musical do Rosal e as asociacións San Xerome e Avelaíña celebrarán unha experiencia sensorial durante o concerto de bandas sonoras de cine na Praza do Calvario. Nel as persoas con diversidade funcional ou enfermidade mental poderán experimentar de primeira man e dende o propio escenario o que é dar participar nunha actuación musical, xa que ocuparán asentos en medio das e dos músicos para unha inmersión total na actividade.    

 Con estas iniciativas o proxecto ‘Cocreando Sociedade’ da resposta aos obxectivos cos que naceu, “aumentar a participación das persoas con diversidade funcional nas actividades cotiás do tecido asociativo, xerar sinerxías entre todas as entidades implicadas, contar coas propias persoas con diversidade funcional no deseño de actividades e poñer en valor o gran tecido asociativo que temos no Rosal”.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario