9 de xul. de 2021

O BAIXO MIÑO

A CIG denuncia a “situación extrema” na que se atopan os  centros de saúde do Baixo Miño por falta de persoal 

· Dende a central sindical apostan por mellorar as condicións laborais e  por estabilizar o emprego para atraer profesionais

  

Vista dunha concentración en defensa da Sanidade pública realizada na vila de A Guarda
Foto: Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de A Guarda

Infogauda / O Baixo Miño 

 A CIG-Saúde de Vigo vén de denunciar publicamente a “situación extrema” na que se atopan “os  centros de saúde da comarca do Baixo Miño como consecuencia da falta de persoal”. Dende a central sindical apostan por mellorar as condicións laborais e estabilizar o emprego para atraer profesionais, xa que dos 16 residentes que completaron a súa formación na zona este ano só tres continuaron o  seu labor nela. 

 Como consecuencia desta situación, onte mesmo o centro de saúde do Rosal só contou cunha  médica, situación que se vén repetindo no últimos mes en varias ocasións. “A situación é grave, xa  que ten que asumir a asistencia dun concello de máis de 6.000 persoas, que no verán ve aumentada a súa poboación”. Isto provoca que no caso de ter que asistir a algunha urxencia que requira ir  acompañada ao hospital, a localidade quedaría sen persoal médico arredor de dúas horas debido á  lonxanía do hospital. 

 Por iso na CIG consideran que a sobrecarga de traballo do persoal coloca o centro nunha situación  insostíbel, “máis cando se sabe que non se trata dun problema puntual, senón que se vai repetir  durante o verán”. 

 Sinalan que algo semellante está a acontecer no centro de saúde de Oia, no que un único facultativo  ten que atender as dúas ausencias das médicas da localidade. Neste centro, un único médico pode  estar atendendo en torno a 75 consultas, entre programadas e as urxentes, “situación que se ten visto agravada nos últimos días pola situación sanitaria do concello”. 

 Isto está a traducirse nun aumento das asistencias do servizo de ambulancias da zona e do PAC da  Guarda, “este último que por primeira vez en anos non conta con reforzo de costa”. Así que no caso  de ter que asistir a unha emerxencia fóra do centro a partir das 21:00 horas a poboación da Oia, O  Rosal e A Guarda queda sen persoal sanitario na zona. “Hai que lembrar que o PAC dá asistencia a  preto de 20000 persoas dos tres concellos, poboación que experimenta un aumento significativo no  verán”. 

Deterioro da Atención Primaria 

 A CIG-Saúde cualifica de preocupante” a situación e incide en que a solución pasa por mellorar as  condicións laborais das profesionais. “É significativo que de 16 residentes que remataron a súa  formación na zona este ano só tres continuaron o seu labor nela por un descontento xeneralizado nas condicións ofertadas pola Xerencia”. 

 Por iso apostan por estabilizar o emprego cunha OPE que saque todas as prazas necesarias para ter  os centros cubertos co persoal necesario para asegurar unha asistencia digna “e para atraer de novo as profesionais que levan anos buscando mellores condicións noutras comunidades autónomas ou  noutros países”. 

 Finalmente, lembran que as Plataformas na Defensa da Sanidade Pública da Guarda e do Rosal  veñen alertando nas últimas semanas sobre as deficiencias dos centros e sobre o deterioro constante  da Atención Primaria nestas localidades, “así como reiterando a reivindicación histórica de dotar o  PAC cun dobre equipo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario