9 de xul. de 2021

O ROSAL

A Feira do Viño do Rosal abrirá este sábado as inscricións nas súas actividades  

· As persoas interesadas poderán reservar praza a través da web para o que se desenvolva na Praza do Calvario e para o roteiro polos muíños do Folón e do Picón  

· A web tamén recollerá toda a información para participar nas visitas guiadas ás adegas e á cata comentada por Aurelio Vázquez Fachal, pregoeiro desta edición  




Infogauda / O Rosal

 A Feira do Viño do Rosal xa está a ultimar os detalles para celebrar a súa XXIX edición. Este mesmo sábado día 10 de xullo abrirase o prazo de inscrición en todas as actividades programadas para este ano, das que se poderán desfrutar en bloques horarios e con aforo limitado para garantir a seguridade das e dos participantes. “A Feira volve de forma presencial pero con toda a prudencia e contención posibles, poñendo en marcha todos os mecanismos de prevención necesarios e priorizando sempre a saúde pública”, salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.  

 As inscricións para as actividades que se desenvolverán na Praza do Calvario e para o roteiro polos muíños do Folón e do Picón realizaranse de xeito cómodo e sinxelo a través da web da Feira do Viño. As persoas interesadas soamente deberán encher o formulario de reserva de praza para calquera dos bloques de actividades, que serán: 

- Vernes 16 de xullo 

De 20.00 a 21.00 horas entrada ao recinto. Ás 21.00 horas celebrarase o acto inaugural e darase paso ao pregoeiro, o enólogo Aurelio Vázquez Fachal. Ás 22.00 h comezará o monólogo de Sergio Pazos. 

- Sábado 17 de xullo 

 De 11.00 a 12.00 horas entrada ao recinto. Ás 12.00 horas poderase desfrutar dunha demostración de cociñado a cargo dos chef Iván Mendez e Alejandro Iglesias, unha actividade programada ao abeiro do proxecto de cooperación ‘Eurochef’ promovido pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural. Ás 13.30 horas será a quenda co concerto lixeiro, no que se poderá escoitar a Weli Kings mentres se degusta un viño. 

 De 18.00 a 19.00 horas entrada ao recinto. Ás 19.00 h pódese desfrutar da actuación infantil a cargo de Barafunda. 

 De 21.00 a 22.00 horas entrada ao recinto. Ás 22.00 horas celebrarase o concerto de The Soul Jacket. 

- Domingo 19 de xullo

 Roteiro polos muíños do Folón e do Picón. 

 De 12.00 a 13.00 horas entrada no recinto. Ás 13.30 horas comezará o concerto lixeiro con Awen. 

 Durante todas as actividades poderán degustarse os viños das adegas D.O. Rías Baixas subzona do Rosal, pertencentes á confraría Cabaqueiros do Viño do Rosal: Aforado, Altos de Torona, Lagar de Cervera, Lagar Pedregales, Quinta Couselo, Santiago Ruiz, Adegas Novás, Terras Gauda e Valmiñor. 

 Ao abeiro da Feira do Viño, a confraría tamén organiza unha cata comentada de nove viños dirixida polo enólogo Aurelio Vázquez Fachal. O enólogo conta con formación no Centro Superior de Hostalaría de Galicia e cunha longa traxectoria en postos de dirección de negocios de restauración e hoteleiros. Ademais, foi gañador no ano 2012 do concurso ‘Nariz de Oro de Galicia’. A cita será o venres 16 de xullo ás 13.00 horas no restaurante Juan e para inscribirse hai que enviar un correo electrónico a confrariavinorosal@gmail.com, indicando nomes e apelidos da persoa participante. Data límite de inscrición: 15 de xullo ás 13.00 horas. 

 Os adegueiros tamén poñerán en marcha estes días visitas guiadas as súas bodegas. As persoas interesadas en participar teñen na web da Feira do Viño toda a información sobre días, horarios, contactos e modo de inscrición.  

 A Feira realizarase con todos os protocolos de prevención e restricións establecidos pola propia Xunta de Galicia para este tipo de eventos. É importante destacar que a Feira do Viño soamente poderá realizarse en caso de que o nivel de alerta epidemiolóxica no Rosal sexa medio-baixo, xa que a Xunta obriga á cancelación ou suspensión de calquera evento no caso de subir de nivel de risco.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario