17 de xul. de 2021

LABORAL

Arredor do 80% do persoal de Bosch en Vigo secunda a folga  contra os “abusos e a prepotencia” da empresa 

Traballadoras/es da compañía do sector dos centros de chamadas  aproveitaron a xornada para desenvolver unha concentración 

 

Un nutrido  grupo de traballadoras/es aproveitou  a xornada para desenvolver unha concentración diante das instalacións da empresa na Barxa do Covelo

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A folga convocada polo comité de empresa de Bosch, compañía do sector dos centros de chamadas  con sede en Vigo, para rexeitar os “abusos e a prepotencia” da dirección e para reclamar un acordo  digno sobre teletraballo, tivo un seguimento de arredor do 80% do cadro de persoal. Un nutrido  grupo de traballadoras/es aproveitou ademais a xornada para desenvolver unha concentración diante das instalacións da empresa na Barxa do Covelo. 

 Con este paro, ao que estaban chamadas as 1.900 traballadoras/es da compañía na cidade -tanto da  propia empresa como de ETT-, queren amosar o seu rexeitamento aos “abusos” que está a cometer a dirección e denunciar a actitude “prepotente” da que fai gala durante as negociacións. Por exemplo,  negándose permanentemente a recoñecer as categorías profesionais que lle corresponden ao persoal, obrigando a presentar continuas demandas xudiciais. 

 Aínda que o principal punto de fricción coa compañía ten que ver co acordo de teletraballo, xa que  as empregadas/os reclaman o abono dos gastos derivados desta modalidade dende o inicio da  situación de teletraballo. 

 Tamén denuncian as dificultades que atopan á hora de contactar e facer xestións co departamento de recursos humanos, así como cando solicitan o dereito de concreción horaria por garda legal, “que a  empresa denega sistematicamente, facendo que haxa que acudir ao xulgado para denunciar”. Outras cuestións que fan parte das súas reivindicacións teñen que ver coa falta de información ao comité,  coa actualización do plan de emerxencia ou coa falta de limpeza nos centros. 

Flexibilidade e traballo por obxectivos 

 Dende a representación sindical sosteñen que o persoal está canso de que a empresa obrigue a coller vacacións ou perder salario “porque o cliente Repsol (ou calquera outro noutros días) decide que o  24 e o 31 de decembro non quere prestar servizo”.  

 Tamén de que se lle impoñan obxectivos que na maioría dos casos son moi difíciles de acadar; “e  que, ademais, sexan empregados pola empresa como premio ou castigo para poder teletraballar en  tempos de pandemia”.  

 E de que a empresa “escatime cada euro”, pretendendo non pagar a compensación económica dos  gastos derivados de teletraballo por causa da pandemia, nin dende o seu inicio en marzo de 2020 nin dende a entrada en vigor do decreto de outubro. “Impoñen xaneiro de 2021 porque lles peta e sen  ningún esforzo na negociación”, censuran 

 Finalmente, trasladan a “rabia” das traballadoras/es que entraron no ERTE no mes de xuño e que  están sen cobrar a prestación de desemprego xa que Bosch volveu a enviar tarde a documentación  ao SEPE, “sen ter a seguridade de que vaiamos cobrar no mes de agosto”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario