12 de xul. de 2021

LABORAL

A CIG rebélase contra o despido que cualifica de “inxusto, violento e mafioso”,  do seu delegado no comité de Barreras 

Desenvolveu unha protesta diante do estaleiro en Vigo e ten convocada unha manifestación para este xoves día 15 


Un grupo de traballadores/as e delegados/as sindicais da CIG participaron hoxe na  concentración convocada ás portas do estaleiro vigués Barreras

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Un nutrido grupo de traballadores/as e delegados/as sindicais da CIG participaron hoxe na  concentración convocada ás portas do estaleiro vigués Barreras para rexeitar o despedimento do  representante da central sindical no comité e para esixir a súa inmediata readmisión. O secretario  xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na mobilización cualificou a decisión da empresa de  “inxusta, violenta e mafiosa” e adiantou que as mobilizacións para reclamar un futuro industrial  para o sector e contra a represión sindical en Barreras continuarán este xoves día 15 cunha  manifestación polas rúas da cidade. 

 A protesta desenvolveuse de 11:00 a 12:00 horas ás portas do estaleiro, onde se desprego unha faixa rexeitando a represión sindical, ao berro de “Despedido readmisión”, “Barreras, escoita, estamos en  loita” e “Abuso patronal, resposta sindical”. Ao remate da mobilización, o secretario xeral da CIG,  Paulo Carril, tomou a palabra para denunciar o despido “inxusto, violento e mafioso” do  compañeiro, nun intento da dirección de Barreras de “atemorizarnos e amedrentarnos na loita que  levamos dende hai meses na defensa do sector naval no seu conxunto e en particular nesta  empresa”. 

 Por iso lanzoulle unha mensaxe aos responsábeis do estaleiro: “Que non pensen que con este  despedimento van amedrentar os traballadores/as do estaleiro ou van intimidar a CIG; estamos aquí  para dicirlles que non temos medo, por iso imos continuar coas mobilizacións para esixir a  readmisión do compañeiro e demandar solucións que garantan o futuro do sector”.  

 Neste senso, chamou a participar na seguinte protesta, que terá lugar este mesmo xoves día 15 de  xullo e que consistirá nunha manifestación que sairá dende a Dobrada ás 19:00 horas para esixir  unha solución para o sector e polo futuro industrial da comarca. 

 “A estas reivindicacións temos que engadirlle agora o rexeitamento da represión sindical, xa que  nos atopamos diante dun feito que só se recorda nos libros de historia e que constitúe un  comportamento típico de terrorismo patronal”, sinalou. 

 Tamén cargou contra a “delincuente xestión” do estaleiro, incluíndo a pretensión de impor un ERTE “de forma fraudulenta e sen causa xustificada de ningún tipo”. Finalmente, reiterou que “sen  industria non hai futuro, e sen naval tampouco” e lamentou que “aínda por enriba de que nos queren deixar sen emprego tamén pretenden roubarnos o noso dereito a protestar e a esixir os nosos  dereitos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario