Sentida homenaxe a Chano Piñeiro en Forcarei no descubrimento da súa escultura, a primeira dedicada a un cineasta en Galicia
· A escultura-banco foi elaborada pola Escola de Cantería da Deputación e xa loce na Praza do Concello, "a mesma praza onde de neno xogaba ao balón"
Infogauda / Forcarei
"Cando quero marcharme e soñar, cerro os ollos e aparezo en Forcarei", dicía o realizador Chano Piñeiro (1954-1995). Desde hoxe, a súa figura xa está eternamente ligada ao seu concello a través da escultura-banco que loce na praza do Concello, elaborada polo alumnado da Escola de Cantería da Deputación. A peza foi descuberta nun sentido acto de homenaxe que reuniu a súa emocionada viúva, Mari Luz Montes, á presidenta provincial Carmela Silva, á alcaldesa Verónica Pichel, á actriz e secretaria da Academia Galega do Audiovisual Saamira Ganay e ao director da Academia Miguel Mariño amais de veciñas e veciños.
A escultura, de cinco metros de longo e 2,6 de alto e composta por pezas de granito moreno de Lalín e granito negro, representa un carrete cinematográfico do que sae o fotograma coa imaxe de Chano Piñeiro e o texto das súas dúas películas máis representativas, "Mamasunción" e "Sempre Xonxa". A peza, primeira escultura que se crea en Galicia na honra dunha persoa cineasta, foi deseñada polos alumnos Pablo González e Adrián Otero e constitúe a homenaxe ao realizador do Concello de Forcarei, que con anterioridade tamén deu ao instituto e a unha rúa o seu nome, ao cumprirse 26 anos do seu falecemento.
A emoción dominou as intervencións de todas as persoas participantes, que recoñeceron a Piñeiro como "unha figura imprescindible" e recordaron a súa vinculación coa vila de Forcarei. Carmela Silva subliñou que a escultura "é unha fermosa, imprescindible e obrigada idea" do Concello "dedicada a un nos nosos, dos grandes, dos que entendeu que as galegas e os galegos somos un gran pobo". "Chano entendeu que tiñamos que poder relatar o que eramos a través dun instrumento tan potente como é o cinema. E por iso foi un home moi avanzado". Engadiu que "aínda que a súa pegada está presente en cada un dos amenceres, atardeceres, anoiteceres deste pobo, precisaba de ter unha escultura que o recordara, e que fixera que amais das persoas de Forcarei, das da provincia e Galicia, as que nos visiten poidan sentarse aí e ter esta foto e investigar quen era". A presidenta, que lembrou varias citas de Chano sobre Forcarei, destacou tamén ao cineasta como "pioneiro en entender o papel fundamental que as mulleres xogamos nesta Galicia nosa", reflectido nos nomes das películas Mamasunción, "que son as nosas avoas, tataravoas, das que somos herdeiras", e "Sempre Xonxa".
A alcaldesa Verónica Pichel destacou que coa escultura, "Forcarei quere seguir lembrando a Chano Piñeiro cada día, porque el levaba no corazón a esta vila" e amosar "a súa pegada imborrable" e "o agarimo que temos polo seu talento e o seu labor". "Grazas aos canteiros que fixeron esta gran escultura –sinalou- coa que non soamente a veciñanza recordará a Chano, senón tamén as persoas visitantes, que coñecerán onde comezou todo".
Pola súa banda, a súa emocionada viúva Mari Luz Montes, ironizou ao lembrar que Chano xogaba ao balón na praza onde hoxe está o seu banco e non lle gustaba estar no banquiño. "Quen lle diría que ía ter un banquiño dedicado a el". Tamén tivo sentidos agradecementos para os profesionais da cantería que elaboraron "esta fermosa escultura" e que fixeron "cousas tan nosas, encántame que esta profesión siga adiante con homes e mulleres. Chano estaría encantado de que nunca desaparecera". Mari Luz agradeceu "de corazón" a acollida que sempre lle dispensou Forcarei, "que foi e seguirá sendo a terra de Chano".
Á homenaxe tamén asistiu a actriz Uxía Blanco, protagonista de "Sempre Xonxa". "Non hai un só día en que non me lembre de Chano e non lle dea as grazas desde o meu entender a nosa cultura e lingua". Destacou que a labor do realizador "transcende do mundo da pantalla" pola súa visión "fantástica e innovadora" ao "darlle ao noso idioma a posibilidade de que os seus personaxes falaran desde o cine por primeira vez en galego". "Facer cine en Galicia é posible e facer cine en galego é necesario, dicía Chano, e seguiremos a recoñecelo", concluíu.
Finalmente, a secretaria da Academia Galega do Audiovisual, Saamira Ganay, subliñou o feito de que "o legado de Chano continúa, 26 anos despois do seu pasamento, moi vivo no traballo de todas e todos os que facemos audiovisual galego, de todas e todos os que estamos comprometidos coa nosa cultura". Neste senso, Ganay destacou esta merecida homenaxe a un cineasta pioneiro "que traballou arreo para facer realidade o seu soño. Parece que os soños son imposibles, pero el demostrou que non o son, e que temos que seguir soñando porque dos soños saen as realidades que nos poden gobernar hoxe e no futuro".
Ningún comentario:
Publicar un comentario