14 de xul. de 2021

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

O Concello de A Guarda mellorou as instalacións públicas do parque deportivo do Codesal   

• Ampliando a zona deportiva con novas pistas para a práctica da petanca, tres canchas para volei, un campo de fútbol-praia, un campo de balonmán-praia, a mellora da iluminación, novos elementos de calistenia e remodelación do vestiarios e aseos.

 

Vista parcial do parque deportivo do Codesal, en Camposancos
Foto: C.A.G.


Infogauda / Camposancos (A Guarda)

 O Concello de A Guarda continúa mellorando o parque deportivo do Codesal, en Camposancos, no cal, a pasada fin de semana realizouse a Superliga Galicia de Futevolei. 

 Despois das recentes obras de reforma dos vestiarios do devandito parque deportivo, un espazo de uso público onde se teñen realizado diferentes tarefas para adecuar o terreo para a práctica de diferentes modalidades deportivas coma o volei, o fútbol, o balonmán ou a petanca; o concello vén de instalar tamén novos elementos de calistenia.

 Lembramos que mediante un convenio asinado en xuño de 2020, este espazo foi cedido pola Entidade Local Menor de Camposancos ao Concello de A Guarda por un período de 15 anos. 

 Estas instalacións deportivas, ven incrementadas as súas funcionalidades cunha significativa mellora nos espazos para a práctica deportiva, unha pista máis de volei praia (cun total de 3), outra de balonmán praia e outra de fútbol praia.  

 Deste xeito téñense incrementado as pistas existentes para a práctica da petanca, instalacións que emprega o Clube de Petanca O Caldeiro, o clube con maior número de deportistas federados nesta modalidade en Galicia, con máis de 40 membros é o primeiro clube para a práctica deste deporte na comarca do Baixo Miño. 

O CONCELLO TEN PREVISTA A INSTALACIÓN DUNHA TIROLINA 

 O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, adiantou tamén que se está a preparar un proxecto para unha zona con equipamentos infantís, que terá unha tirolina e diversos elementos para o lecer dos máis pequenos. 

 O equipo de goberno do Concello de A Guarda considera que este é un dos espazos con maiores posibilidades de consolidarse como punto de encontro interxeracional, xa que as instalacións permiten a práctica deportiva de diferentes colectivos que abarcan idades moi diferentes. 

 O parque deportivo do Codesal ofrece á cidadanía desfrutar nun entorno paisaxístico natural, de diferentes actividades (deporte, paseo, lectura, fotografía,…),  todas elas  seguras e moi necesarias neste momento de pandemia, seguindo así a liña estratéxica marcada polo equipo de goberno de mellora das instalacións deportivas e das instalacións que posibiliten aos veciños e veciñas da localidade espazos seguros (parques, sendas, zonas deportivas,...) tal e como establecen as autoridades  sanitarias.  

 A mellora deste espazo foi realizada conxuntamente con fondos propios do Concello de A Guarda e tamén cunha  importante subvención con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario