14 de xul. de 2021

A GUARDA

O 100% do persoal de produción secunda a primeira xornada de folga en IKF, na fábrica das Cachadas 

· Trátase dun paro indefinido  para rexeitar a dobre escala salarial que a empresa quere manter


Un nutrido grupo de traballadores/as permaneceron concentrados/as ás portas da compañía dende primeira hora da mañá

Fotos CIG

Pancarta despregada no exterior da fábrica das Cachadas

Infogauda / A Guarda 

 No día de hoxe, mércores día 14 de xullo de 2021, tivo lugar a primeira xornada da folga indefinida convocada na empresa Imerys Kiln Furniture (IKF) - no centro de traballo ubicado nas Cachadas -, “para rexeitar a dobre escala salarial  que a dirección quere manter no tempo, o que supón até 5.200 euros menos ao ano de diferencia na  mesma categoría laboral. 

 Por esa razón, un nutrido grupo de traballadores/as permaneceron concentrados/as ás portas da compañía dende primeira hora da mañá.

 De acordo cos datos facilitados pola CIG-Construción a este xornal dixital transfronteirizo “o 100% do persoal de produción e o 70% do persoal técnico e administrativo secundaron o paro  para amosar o seu rexeitamento á proposta da empresa de manter durante oito anos máis a dobre  escala salarial pactada en 2018 co anterior comité (no actual a CIG ten 4 dos 5 delegados/as), polo que dende a central sindical cualifican a mobilización de “éxito total”.  

 Segundo a devandita proposta, as persoas que se incorporan a IKF dende ese ano ingresan entre un 25 e un  30% menos de soldo que os seus compañeiros/as da mesma categoría laboral, o que supón uns 5.200 euros menos ao ano. 

 As pretensión da dirección son que nos oito anos de vixencia non se garantiría que o persoal que se  incorporase á empresa dende 2018 ou o que a faga a partir de agora recupere o 100% do salario  establecido no actual pacto de empresa, indicaron desde á CIG-Construcción

Pacto de empresa 

 As referidas fontes indicais indican que “outro dos motivos que levaron á convocatoria de folga ten que ver precisamente coa renovación do  pacto de empresa, que caducou o 31 de decembro de 2020. As partes comezaron a negociar a  renovación en abril, mais o acordo non é posíbel porque non existe consenso na actualización  salarial, xa que a empresa quere aplicar a suba que marca o convenio estatal, cando hai un pacto de  empresa propio. 

 Ademais, IKF pretende que o 10% de distribución irregular da xornada permitido por lei sexa obrigatoria para todo persoal de luns a sábado, tanto de mañá como de tarde. Isto traduciríase unha  liberalización dos horarios a disposición da empresa, o que suporía un ataque ao dereito de conciliación da vida laboral e familiar”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario