Ante a imposibilidade de cumprir co compromiso de dous socorristas durante toda a semana
O Concello de A Guarda renunciou ao distintivo Bandeira Azul na praia de Area Grande
Un dos socorristas contratados polo Concello de A Guarda, observa na praia do Forte (Camposancos), o areal e a zona de baño
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Ante a "imposibilidade de cumprir co compromiso de dous socorristas durante toda a semana", o Concello de A Guarda vén de facer público na tarde de hoxe que renunciou "ao distintivo Bandeira Azul na praia de Area Grande", polo que desde o executivo local indican que "tentarase atender con socorristas a praia de Area Grande sempre que sexa posible durante as fins de semana. Os demais servizos si están garantidos como a análise de auga cada 15 días, o panel informativo, a recollida selectiva, a limpeza manual do areal e o aseo".
Desde o concello lembran que "cada verán contratábanse 6 socorristas para as praias do Muiño e Area Grande". "A pesar dos esforzos realizados tan só se puideron contratar a 4 socorristas. Nos últimos anos a problemática de contratar a socorristas formados e titulados en espazos naturais está sendo bastante común en Galicia", afirman desde o goberno municipal.
"En definitiva, acordouse que a praia do Muiño dispoña do servizo de socorrismo de luns a domingo de 12:00 a 20:00h ao ser unha praia con maior afluencia de bañistas polo que o número de incidencias adoita ser superior", aseguran desde o equipo de goberno municipal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario