O BNG DEFENDE UNHA ALTERNATIVA SÓLIDA E PRÁCTICA PARA O NOVO ACCESO AO PORTO DA GUARDA
· O PSOE leva tres anos de inmobilismo e o PP ilustra a súa inoperactividade diante da Xunta de Galiza
Infogauda / A Guarda
En relación ao proxecto de saída sur do porto de A Guarda, na tarde deste domingo día 18 de xullo de 2021, o BNG de A Guarda fixo público o seguinte comunicado:
"O pobo da Guarda dispón actualmente de dúas opcións para construír o Acceso Sur do Porto: a alternativa 2, defendida polo alcalde, PSOE e PP; e a alternativa 3, defendida polo BNG.
A alternativa 2, que defenden PSOE e PP, foi informada desfavorabelmente pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza.
O informe da Xunta recoñece que hai outra alternativa máis acaida para o seu trazado, tal como é a alternativa 3, defendida polo BNG. Textualmente, indica: 'O proxecto contempla unha alternativa máis axeitada (Alternativa 3), cuxo trazado coincide maiormente cunha estrada existente. Dende o punto de vista da protección do patrimonio cultural e da contorna paisaxística, debería desenvolverse a dita alternativa de trazado'.
Ademais, a alternativa do BNG supón aforrar medio millón de euros, garantir o informe favorábel da Xunta de Galiza e facer realidade o acceso sur ao porto da Guarda. Fronte a esta posición está o inmobilismo e inoperancia do PSOE, que leva tres anos co acceso nun caixón e cun alcalde que lle ocultou ao pobo da Guarda o informe negativo da Dirección Xeral de Patrimonio.
Por outra parte, as declaracións do PP son de vergoña allea para xustificar a súa alianza co PSOE, para que as cousas non avancen e para manter o proxecto do acceso ao porto da Guarda no caixón da Alcaldía. Ben faría o PP en procurar fondos públicos diante da Xunta de Galiza para que esta obra gozase dunha financiación necesaria para poder executala."
Ningún comentario:
Publicar un comentario