29 de xul. de 2021

A GUARDA

O BNG levará ao Parlamento Galego a situación dos traballadores de IKF, das Cachadas 

· Así o anunciou no día de hoxe, o deputado do BNG Manuel Antonio Lourenzo Sobral (Manu) durante a visita ao piquete informativo dos traballadores da fábrica que a multinacional Imerys Kiln Furniture España S.A. (IKF), posúe no termo municipal de A Guarda


O deputado do BNG Manuel Antonio Lourenzo Sobral e o portavoz municipal do BNG na Guarda Anxo Lois Baz Vicente, esta mañá, nun momento da súa visita ao piquete informativo dos traballadores da fábrica das Cachadas, da multinacional IKF

Infogauda / A Guarda

 O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de facer público que "levará ao Parlamento Galego a situación dos traballadores da empresa IKF da Guarda, que se atopan en folga dende hai varias semanas trala negativa da empresa a negociar a homologación das condicións laborais e salariais das traballadoras e traballadores."  

 Así o anunciou no día de hoxe, o deputado do BNG Manuel Antonio Lourenzo Sobral (Manu) durante a visita ao piquete informativo dos traballadores da fábrica que a multinacional Imerys Kiln Furniture España S.A. (IKF), posúe nas Cachadas, que realizou xunto ao portavoz municipal do BNG na Guarda Anxo Lois Baz Vicente. 

 "O exemplo de solidariedade obreira dos traballadores e traballadoras de IKF, que xuntos defenden algo tan de xustiza como a igualdade de condicións laborais para as persoas que realizan o mesmo traballo, é meritorio nos tempos que corren. Dende o BNG, queremos amosarlles todo o noso apoio e acompañalos nesta loita que é a loita de toda a comarca do Baixo Miño pola xustiza laboral en IKF", afirmou o deputado nacionalista.  

 Pola súa banda o portavoz municipal do BNG na Guarda Anxo Lois Baz destacou que "defender os dereitos laborais en IKF é defender o futuro de A Guarda e de toda a comarca do Baixo Miño." "Nós - engadiu Anxo Lois Baz - apostamos polo futuro da Guarda e iso pasa por estar a carón das traballadoras e traballadores." 

 O representante do comité de empresa entregoulles aos representantes do BNG un documento coas reivindicacións laborais dos traballadores e co estado das negociacións. "En IKF somos un grupo unido de traballadores, se discriminan a un discrimínannos a todos, e por iso levamos semanas en loita. A empresa debe negociar, e nós estamos dispostos a facelo, pero negociar non é unicamente ceder. Se queren sentarse a falar non teñen máis que descolgar o teléfono. Se non nos deixan máis alternativa que loitar polo futuro dos nosos postos de traballo que non teñan dúbida que chegaremos a onde faga falta."

Ningún comentario:

Publicar un comentario