26 de xul. de 2021

A GUARDA

Os traballadores/as da fábrica de IKF nas Cachadas, camiño de cumprir as dúas semanas en folga indefinida contra a dobre escala salarial 

Malia o seguimento masivo do paro, non foi até o pasado venres que a empresa tentou un achegamento


As alcaldesas dos concellos de O Rosal e de Tomiño visitaron aos traballadores e traballadoras da fábrica das Cachadas
Fotos: CIG

Infogauda / A Guarda

 Os traballadores e as traballadoras da fábrica que Imerys Kiln Furniture (IKF) posúe nas Cachadas (A Guarda), continúan coa folga indefinida iniciada o pasado 14 de xullo "en rexeitamento á dobre escala salarial que a empresa quere prolongar e á liberalización dos horarios, á maior flexibilización da xornada ou ao cambio no goce das vacacións que pretende impor."   


Ánxela Fernández e Sandra González- no centro da imaxe - escoitaron ás reivindicacións o persoal de IKF, da fábrica das Cachadas
 

 Tras case dúas semanas de paro xeral, cun seguimento masivo do persoal, o pasado venres producíase un achegamento por parte da dirección, que amosou disposición a sentar negociar parte das demandas sociais: flexibilización da xornada anual, modificación da distribución histórica das vacacións, pago do traballo en fins de semana e festivos ou determinados complementos salariais.  

 Porén, explica Xulio Vicente, da CIG-Construción de Vigo, "a dirección non quere tocar por agora a principal problemática, a eliminación da dobre escala salarial, cuestión que pretende deixar para o final da negociación. O pasado venres houbo un pequeno achegamento pero non sabemos en que vai rematar. Quedamos emprazados a volver reunirnos, pero aínda sen data concreta", sinala.  

 Engade Vicente que nese breve encontro, a empresa tamén tentou forzar a desconvocatoria da folga a cambio de abrir as conversas "pero os traballadores e as traballadoras foron claros, continuarán coa folga até conseguir que se dea resposta ás súas demandas".  

 Neste senso, critica "a ausencia da Xunta de Galiza neste conflito malia a importancia laboral e económica que ten a actividade desta fábrica para á Guarda e o conxunto da comarca. É esta a preocupación que ten a Xunta polos dereitos dos traballadores e das traballadores desta empresa?", inquire Xulio Vicente.    


Os traballadores e traballadoras de IKF continúan coa folga indefinida

 Así as cousas, o persoal recibiu este luns a visita das alcaldesas do Rosal e de Tomiño, a quen lles trasladaron a situación laboral que se vive na fábrica (propiedade da multinacional francesa Imerys e que se dedica á fabricación de materiais refractarios) e as que lles solicitaron a súa intervención e o apoio institucional ás súas reivindicacións.  

Diferenzas nos salarios de até 5.200€ anuais  

 Cómpre lembrar que, "por mor do pacto asinado coa empresa polo anterior comité en 2018, as persoas que se incorporan a IKF dende ese ano ingresan entre un 25 e un 30% menos de soldo que os seus compañeiros/as da mesma categoría laboral, o que supón uns 5.200 euros menos ao ano. Unha dobre escala salarial que a empresa pretende prolongar durante oito anos máis."  

 Xunto a isto, "IKF pretende que o 10% de distribución irregular da xornada permitido por lei sexa obrigatoria para todo persoal de luns a sábado, tanta de mañá como de tarde, o que se traduciría  na liberalización dos horarios a dispor da empresa, supondo un ataque ao dereito de conciliación da vida laboral e familiar. Ademais, quere introducir cambios no goce das vacacións, que historicamente se viñan collendo no mes de agosto, e agora pretende que o persoal colla 15 días de vacacións en agosto e os outros 15 estean a disposición da empresa."  

 Diante deste retroceso nos dereitos, os traballadores e as traballadoras acordaron en asemblea iniciar folga indefinida dende o 14 de xullo, que manterán mentres non se dea cumprida resposta as súas demandas.

As alcaldesas do Rosal e Tomiño apoian aos traballadores e traballadoras de IKF, en folga dende hai dúas semanas 

Agradecen ao persoal que quixeran explicarlles os pormenores do conflito laboral e aseguraron que dende ambos concellos farase todo o posible para que a situación atope unha pronta solución   


 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, e a de Tomiño, Sandra González, reuníronse este luns cos traballadores e traballadoras de Imerys Kiln Forniture (IKF), unha empresa histórica na comarca do Baixo Miño dedicada á fabricación de materiais refractarios. Como vimos informando neste xornal dixital tranfronteirizo o persoal da compañía leva en folga indefinida dende hai case dúas semanas ao non chegar a un acordo coa empresa sobre a dobre escala salarial que se quere prolongar no tempo. 

 As rexedoras acudiron ata a sede da empresa para amosar o seu apoio a todos os veciños e veciñas que traballan nesta compañía, así como ás súas familias, xa que con arredor de 60 empregados IKF é unha das empresas máis importantes da comarca dende o punto económico e social. 

 Ánxela Fernández e Sandra González quixeron agradecer aos traballadores e traballadoras que quixeran informalas dos pormenores do conflito laboral e aseguraron ao persoal que tanto os concellos do Rosal como de Tomiño farán todo o posible para que a situación atope unha pronta solución.

Ningún comentario:

Publicar un comentario