27 de xul. de 2021

A GUARDA

A ASOCIACIÓN CULTURAL DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS PIUEIRO NAVEGOU ATA PADRÓN

· Co volanteiro "Piueiro" e a gamela "Minxos", para participar na Inchadiña Branca Vela 2021


O volanteiro Piueiro, despregando a súa vela no Espolón, de Padrón, onde unha morea de persoas agardaba a chegada das embarcacións tradicionais que participaban na  Inchadiña Branca Vela 2021

Na imaxe, a gamela Minxos, da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, no seu debut na Inchadiña Branca Vela 

Fotos: Santiago Baz Lomba

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Con grande ilusión e agarimo matriótico, unha delegación da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, zarpou a pasada semana desde o porto de A Guarda, a bordo do volanteiro Piueiro poñendo boa proa rumbo a Padrón

 Os activos homes e mozos que forman a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, entidade xenuinamente guardesa, responderon positivamente, un ano máis, á convocatoria da Fundación Rosalía de Castro e participaron nos actos da Inchadiña Branca Vela 2021.

 A representación humana e náutica guardesa partiu o día 23 en dirección a praia fluvial de Vilarello en Cordeiro (Valga), onde o día 24, ás 15:00 tería lugar a saída da frota de embarcacións tradicionais procedentes de diferentes portos de todo o país, para chegar arredor das 17:00 horas, ao Espolón (Padrón) e participar nunha nova homenaxe das xentes do mar a Rosalía de Castro.

 Previamente subiron os ríos Ulla e Sar, embarcacións tradicionais chegadas das rías de Ribadeo, Arousa, Pontevedra e Vigo, ademáis da Guarda: gamelas - entre elas a "Minxos", en homenaxe ao mestre carpinteiro de ribeira Domingo Carrero Álvarez -, galeóns, unha buceta, un carocho do Miño, un bote de Ribadeo, dornas de distinto tipo e o volanteiro Piueiro, de A Guarda.

 Embarcacións e tripulacións todas elas convidadas pola Fundación Rosalía de Castro e a Asociación Cultural Dorna da Arousa, coa colaboración dos concellos de Padrón, de Dodro e de Valga.  

 En Padrón, tivo lugar unha homenaxe a Rosalía de Castro, diante da súa estatua no Espolón. 

 A continuación, ás 19:00 horas, no Auditorio de Padrón houbo un concerto do grupo portugués Canto d’Aqui, como peche das Converxencias Galicia-Portugal.   

 Inchadiña Branca Vela, que se celebrou por primeira vez en 2013 para celebrar o 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’, xurdiu como iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a unha autora que en ‘Cantares’ falaba das dornas que subiran Ulla arriba no seu tempo. Velaquí a estrofa:   

¡Que inchadiña branca vela 

antre os millos corre soa, 

misteriosa pura estrela! 

Dille o vento en torno dela: 

«Palomiña, ¡voa!, ¡voa!»

 Nosos parabéns a todas as tripulacións participantes na homenaxe a Rosalía de Castro, e de xeito especial aos membros da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro que a onde queira que van levan moi alto e con moita honra, o nome do pobo de A Guarda.

GALERÍA DE IMAXES, DA AUTORÍA DO FOTÓGRAFO SANTIAGO BAZ LOMBA

Ningún comentario:

Publicar un comentario