14 de xuño de 2021

PONTEVEDRA

Deputación de Pontevedra, Concello de Pontevedra e UNED da man na presentación dos cursos de verán que serán abertos ao conxunto da cidadanía 

· Carmela Silva (presidenta da Deputación): "Apoiamos a cultura e trasladamos coñecemento porque queremos que a provincia sexa o territorio da educación e a formación" 

 

Os cursos foron presentados esta mañá no Pazo provincial da Deputación 
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A provincia de Pontevedra albergará este verán ata seis cursos organizados pola UNED que tratarán temas como a comunicación, a igualdade, o Camiño de Santiago ou a filosofía. Os cursos foron presentados esta mañá no Pazo provincial da Deputación polo director da UNED en Pontevedra, Víctor Manuel González, a presidenta provincial, Carmela Silva, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen animaron á poboación a matricularse tanto de forma presencial como en liña. Os seis cursos, que terán lugar en Pontevedra, Portas, Vigo e no Centro Penitenciario da Lama, están dirixidos ao conxunto da cidadanía e desenvólvense nun formato mixto polo que non teñen límite de participantes, salvo o que terá lugar no Centro Penitenciario, que soamente se realizará de xeito presencial. Todos eles teñen unha duración de 20 horas.  

 Carmela Silva puxo en valor "tanto á UNED como elemento moi relevante, como a estes cursos cos que facemos cultura e trasladamos coñecemento porque queremos que a provincia de Pontevedra sexa o territorio da educación e a formación". A presidenta puxo en valor o "altísimo nivel" das persoas que van dar os relatorios, entre ás que destacou á xornalista Nieves Concostrina, ao xornalista Vicente Vallés, á artista Gemma Marqués, ao catedrático en filosofía política Antonio García-Santesmases ou á catedrática en filosofía Amelia Valcárcel da que afirmou que é "unha muller que marca tendencia" e definiuna como "miña nai desde o punto de vista feminista". Ademais, Carmela Silva deu "un enorme valor" ao feito de levar a cabo un dos cursos no Centro Penitenciario da Lama, posto que "todas as persoas teñen dereito a estar integradas na sociedade". Do mesmo xeito, destacou os outros dous cursos en Portas e Vigo, cos que "a UNED chega así ao conxunto da provincia e tamén se instala nos concellos máis pequenos".  

 Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra deu relevancia ao feito de que o formato semipresencial destes cursos tamén estimula a economía "algo moi importante nestes momentos de falta de turismo e crise económica" ao atraer xente aos lugares nos que se realizan. Polo tanto, son "interesantes tanto para o alumnado como para os lugares que os acollen". Para Lores os cursos que se levarán a cabo na cidade formulan temas fundamentais sobre os que é preciso discutir "para que logo se poidan tomar decisións". Ademais, expresou, servirán para "tender pontes" e fomentar o estudo da filosofía.  

 Víctor Manuel González destacou a importancia de que o alumnado poida volver a acudir a estes cursos de xeito presencial. Este feito, ligado a oferta educativa estival "permítenos ser un dos centros pioneiros e potentes non só en extensión senón tamén en cursos de verán". O director da universidade a distancia en Pontevedra aproveitou a súa quenda de palabra para agradecer "a confianza e a axilidade das institucións", Deputación e Concello de Pontevedra, pola súa colaboración e ser "sempre xenerosas" coa universidade.    

 Máis polo miúdo, na cidade de Pontevedra terán lugar tres cursos que se impartirán entre o 7 e o 9 de xullo. No curso Os Valores da Comunicación na Sociedade Hiperconectada o alumnado analizará e debatera sobre os valores e a función da comunicación en xeral e dos medios de comunicación en particular. Baixo o título O Camiño de Santiago e o Islam: Relacións Interrelixiosas na Ruta Xacobea Durante a Idade Media reuniranse os testemuños documentais e artísticos das relacións entre cristiáns e musulmáns no Camiño de Santiago. Ademais, na cidade de Pontevedra terá lugar un curso sobre Filosofía en Tempos de Incerteza no que se analizará a situación actual, prestando especial atención aos novos retos e problemas morais, sociais, políticos e culturais aos que facer fronte.  

 A aula da UNED en Portas acollerá entre o 14 e o 16 de xullo un curso que fará un repaso dos fitos significativos do último século baixo o título As Crises Políticas na España Contemporánea. No Centro Penitenciario da Lama se fará un curso, entre o 30 de xuño e o 2 de xullo, sobre Constitución e Dereitos: Arte e Cultura para os Dereitos Humanos, no que se abordarán iniciativas para concienciar na loita polos dereitos humanos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario