23 de xuño de 2021

PATRIMONIO

Trenor anuncia unha nova licitación que eleva a 500.000€ o investimento da Xunta no campamento romano de Ciadella  

· O delegado da Xunta visitou o xacemento para comprobar a zona na que se van a levar a cabo os traballos arqueolóxico 


O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o campamento romano de Ciadella 
Fotos: X.G.

Infogauda / Sobrado dos Monxes (A Coruña)

 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o campamento romano de Ciadella para anunciar a licitación dos traballos de posta en valor das estruturas arqueolóxicas dos Principia e da Via Principalis. Cando se adxudique o contrato o prazo de execución das obras será de nove meses. Trenor lembrou que no ano 2019 a Xunta xa investiu outros 275.000 euros nunhas obras para poñer en valor as estruturas arqueolóxicas do campamento o que eleva o investimento neste espazo a 500.000€.




 O representante do Goberno galego explicou que agora o obxecto desta nova actuación é levar a cabo unha intervención integral de posta en valor dunha serie de espazos e estruturas arqueolóxicas situadas no sector central do campamento romano de Ciadella no que, en boa parte del, xa se desenvolveron diversas actuacións arqueolóxicas en campañas antigas (1934, 1981, 1990 e 1991) que puxeron ao descuberto os denominados principia, edificación duns 1000 metros cadrados que funcionaba como cuartel xeral e espazo medular do forte romano, xa que nel se acomodaban os órganos esenciais da administración militar, os espazos sagrados destinados ao culto e á custodia dos estandartes e a forza moral da disciplina militar.

 Tamén se actuará sobre a chamada Via Principalis, arteria viaria principal no interior do campamento romano que transcorría por diante dos principia comunicando dúas das catro portas existentes no forte, as chamadas porta principalis sinistra e porta principalis dextra.

 Trenor explicou que a finalidade fundamental desta actuación é investigar, documentar, escavar, consolidar e acondicionar as estruturas arqueolóxicas dos principia e dun amplo sector da Via Principalis do campamento romano de Ciadella de cara a favorecer o seu coñecemento e conservación e para facilitar a súa comprensión e visita pola cidadanía en xeral.

 Asemade, levarase a cabo a sinalización do xacemento arqueolóxico mediante cartelería e fitos informativos para que os visitantes poidan realizar unha visita auto guiada e tamén se quere difundir entre a cidadanía os traballos arqueolóxicos que se van a realizar mediante diferentes accións de divulgación. No proxecto tamén está incluído un video divulgativo sobre as características xerais do xacemento e das diferentes estruturas arqueolóxicas, para a súa difusión a través de códigos QR ou similares incorporados aos puntos de información.

 Esta actuación súmase ás realizadas pola Administración autonómica neste espazo. A última delas, completada o pasado ano, permitiu determinar as diferentes fases de ocupación deste campamento militar romano, así como sacar á luz importantes restos e pezas de cerámica. Concretamente, entre os achados atopados ata o momento neste campamento destaca a identificación dun gran horreum de planta rectangular destinado a gardar os alimentos das tropas ou a documentación dun pórtico monumental no edificio principal que supón un exemplo único do Imperio Romano neste tipo de construcións.
 O delegado da Xunta tamén lembrou outro importante investimento da Xunta neste concello, para a conservación do seu patrimonio, de 1,4 millóns de euros para a posta en valor do Mosteiro de Santa María de Sobrado. Unha actuación que tivo como obxectivo recuperar o esplendor deste senlleiro conxunto monumental. Non en balde, ademais de ser recoñecido como ben asociado aos Camiños do Norte na Lista do Patrimonio Mundial, o Mosteiro de Sobrado dos Monxes é Ben de Interese Cultural desde 1931 e, polo tanto, goza da máxima protección legal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario