22 de xuño de 2021

O ROSAL

A unidade móbil de doazón de sangue estará no Rosal o vindeiro mércores 30 de xuño  

· Na Praza do Calvario de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 h. 

· As persoas interesadas poden pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828  

 



Infogauda / O Rosal

 Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase ata o concello do Rosal este mes de xuño. O vindeiro mércores día 30 un autobús da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará na Praza do Calvario de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas para todas aquelas persoas que queiran acudir a doar. 

 Para o Centro de Transfusión a máxima prioridade é a seguridade das persoas doantes e receptoras dos compoñentes sanguíneos, polo que aínda que a situación sanitaria mellorou, continúa extremando os protocolos de prevención para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, todas as persoas que desexen doar sangue poderán pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828 para garantir unha afluencia gradual e ordenada dos e das doantes. 

 Aínda que o persoal do Centro de Transfusión fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recoméndase non acudir a doar sangue se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese tamén ás persoas doantes agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.  

 O Centro de Transfusión lembra que para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar agardar dúas horas para facer a doazón. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario