14 de xuño de 2021

O ROSAL

O Rosal recupera a súa ‘Memoria viva’   

· O Concello presentará no auditorio, este venres día 18 de xuño, ás 20.00 h., un proxecto co que se busca salvagardar o patrimonio inmaterial do municipio  


Membros do equipo do proxecto plurianual ‘Memoria viva’ entrevistando a Nemesio Castro no conxunto etnográfico do Muiños do Folón e do Picón

Fotos. C.O.R.
 

 Infogauda / O Rosal 

 O Concello do Rosal vai presentar este venres día 18 de xuño ás 20:00 horas, no auditorio municipal,  o proxecto plurianual ‘Memoria viva’, que busca poñer en marcha un sistema de salvagarda do patrimonio inmaterial do Rosal, así como do coñecemento e da memoria que atesouran as persoas maiores do municipio.  

 Trátase dunha iniciativa plurianual no que se recollerán as lembranzas das e dos maiores do Rosal, “recuperando e recompilando vivencias persoais, momentos históricos, formas de vida,..., para que non caian no esquecemento”. “Este proxecto nace polo desexo de que non desapareza unha parte importante da nosa memoria individual e colectiva, de conservar esas historias que non están nos libros pero que son tan importantes para nós como rosaleiras e rosaleiros”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 


Marcola González, de Novás, no seu fogar nun momento da entrevista para o proxecto ‘Memoria viva’

 O proxecto recolle en vídeo as entrevistas a diferentes persoas de idade con coñecementos relativos a  unha época, un oficio, unha tradición ou calquera elemento patrimonial de interese, así como libros de pequeno formato coleccionables de cada unha destas entrevistas. Nesta primeira edición o Concello contou coa inestimable colaboración de Nemesio Castro e Marcola González e das súas familias, sen as que non sería posible ter chegado a realizar os traballos de documentación e gravación. 

 Durante o acto presentaranse os dous primeiros libros do proxecto, así como os dous primeiros vídeos documentais.  

 As persoas interesadas en asistir poderán reservar a súa praza a través da páxina web municipal. O acto contará con aforo limitado e todas as medidas de seguridade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario