10 de xuño de 2021

O ROSAL

Vai comezar o traballo de campo para avaliar a xestión das augas residuais na zona costeira do Rosal  

· O estudo será os vindeiros 16 e 17 de xuño entre as 09.00 e as 19.00 h nos barrios de Portecelo e San Xián. Desde o Concello prégase a colaboración de toda a veciñanza 

 

Vista parcial do barrio de Portecelo
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O equipo de goberno local vén de facer público que “o Concello do Rosal arranca a vindeira semana o traballo de campo para avaliar a xestión das augas residuais da na zona costeira do Rosal, unha problemática que aínda que depende de Augas de Galicia preocupa moito ao goberno municipal por como afecta a todos os veciños e veciñas. Un equipo técnico especializado percorrerá os barrios de Portecelo e San Xián os días 16 e 17 de xuño de 09.00 a 19.00 horas para realizar o estudo de avaliación e ter unha visión clara da realidade”. 

 Dende o Concello prégase a colaboración de toda a veciñanza para poder analizar a situación actual na que se atopa a xestión de augas residuais nesta zona e “poder atopar solucións a medio prazo”. “Somos conscientes da problemática que levan anos padecendo os veciños e veciñas destas zonas, por iso quixemos dar un primeiro paso importante na procura de alternativas colaborando en todo momento co órgano competente”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 Desde o goberno municipal afirman que “este estudo permitirá cuantificar a cantidade de augas residuais que xeran de forma individual as preto de 200 vivendas e edificacións da zona, das que só arredor de 80 están habitadas todo o ano. O obxectivo é determinar as necesidades conxuntas e as posibles solucións a medio prazo para un tratamento de augas residuais que permita dispoñer dunha xestión ambientalmente máis sostible que a actual”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario