17 de xuño de 2021

LABORAL

A CIG-Industria logra os tres delegados de persoal na empresa Rodicut Industry, de Mos 

· Os candidatos da central nacionalista sumaron 87 votos, por 26 de  CCOO e 17 da CUT 

Infogauda / Mos

 A federación de Industria da CIG de Vigo logrou os tres delegados de persoal nas eleccións  sindicais que se veñen de celebrar na empresa Rodicut Industry de Mos. Os candidatos da central  nacionalista sumaron un total de 87 votos, fronte aos 26 de CCOO e os 17 da CUT. 

 Co resultado obtido no recente proceso electoral a CIG-Industria repite os resultados conseguidos  nas anteriores eleccións, nas que tamén se fixera coa totalidade da representación da empresa  situada na estrada de Puxeiros a Mos. 

 Rodicut ten un cadro de persoal de 47 persoas e dedícase á fabricación de pezas de poliuretano. Nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar votaron un total de 46 traballadores/as, que "optaron  masivamente polos candidatos da CIG, avalando deste xeito o intenso traballo sindical  desenvolvido nos últimos anos". 

 Dende a federación de Industria da CIG de Vigo valoran "moi positivamente o resultado e agradecen o apoio  amosado pola práctica totalidade dos empregados/as de Rodicut, a pesar de que a compañía promoveu a candidatura de CCOO, como en ocasións anteriores.  

 Nesta ocasión o resultado ten aínda máis mérito, xa que concorría un candidato máis, o da CUT, que xa fora membro do comité de empresa por CCOO no pasado. Por iso o persoal pro-empresa  (maioritariamente de oficinas) votou os candidatos de CCOO e da CUT para evitar que a CIG  obtivese representación."

Ningún comentario:

Publicar un comentario