16 de xuño de 2021

A GUARDA

A PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DA GUARDA FELICÍTASE DO REFORZO DO CENTRO DE SAÚDE 


Vista xeral da recente mobilización da veciñanza convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda

Foto: P.D.S.P. da Guarda

Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda

 Da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda avaliamos de xeito positivo o reforzo do Centro de Saúde con 3 novos facultativos, co que pasaremos a ter 6 dos 8 que nos corresponden. Levamos moito tempo denunciando a situación inadmisíbel do centro coa falta de cobertura de ausencias prolongadas, chegando a darse a situación de só termos 3 médicos de xornada ordinaria. As consecuencias coñecémolas, en forma de deterioro na calidade asistencial, de desatención de milleiros de persoas, sobrecarga do persoal do centro e aumento na demora para conseguir unha cita.  

 Ao longo deste tempo, a poboación e os veciños da Guarda acompañaron e participaron das nosas mobilizacións, secundadas tamén polo propio persoal do centro. Entendemos que, sen esta acción colectiva, sen esta implicación da sociedade guardesa, non estariamos hoxe falando desta noticia. A presión, a organización e a mobilización popular non son só efectivas, senón que son a única vía para facer valer os nosos dereitos.  

 Non queremos tampouco confiarnos nin dar por finalizada a nosa tarefa. As nosas reivindicacións son claras e transparentes: cobertura plena das ausencias do centro até completar os 8 médicos de Atención Primaria, ambulancia medicalizada na zona e duplo equipo no PAC.  

 Lembremos que o PAC atende a poboación tamén de Oia e o Rosal. En Oia actualmente non hai médicos e no Rosal falta 1 dos 3. Estamos no inicio do verán, período en que se triplica a poboación da Guarda e que coincide coas vacacións e descansos lexítimos do persoal que nos atende. Todos estes elementos configuran unha situación de risco para a poboación, que se verá atendida durante boa parte do mesmo só por 4 médicos, que non terá opción de atención en horario de PAC no caso de saída dese equipo a unha emerxencia, que pode verse na situación de non ter unha ambulancia disponíbel para unha situación extrema.  

 Por iso, dentro da satisfacción que nos produce a consecución dun logro como o que hoxe celebramos, mantemos a garda alta e chamamos a permanecer vixilantes, a fin de non retroceder un só paso, a fin de non dar por perdidos as reclamacións que lexitimamente mantemos.  

 Só a mobilización e a unidade dan resultado, persistamos nese camiño.  

 A Guarda, 16 de xuño de 2021.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario