25 de xuño de 2021

A GUARDA

Alcaldes e alcaldesas do Camiño Portugués da Costa xúntanse na Guarda

· Para pór en valor e defender este itinerario xacobeo  


De esq. á der.: Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Rafael Álvarez, concelleiro de Turismo de A Guarda; Antonio Lomba, alcalde de A Guarda, Ánxela Fernández, alcaldesa de O Rosal; e Carlos Gómez, alcalde Baiona, na xuntanza de traballo que desenvolveron na mañá de hoxe na Casa do Concello de A Guarda

Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Na xornada deste venres día 25 de xuño de 2021 a Casa dos Alonso acolleu unha xuntanza na que participaron o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado; a alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal; a alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández Callís e o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz.   

De esq. á der.: Cristina Correa, Carlos Gómez, Antonio Lomba, Ánxela Fernández e Rafael Álvarez, no salón de plenos da Casa do Concello de A Guarda

 

 O motivo desta reunión - na que tamén participou Rafael Álvarez Martínez, concelleiro de Turismo do Concello de A Guarda -  foi o de "pór en común a situación do Camiño Portugués da Costa na súa entrada en Galicia dende territorio portugués, tendo en conta que en certas publicacións non se está a fixar o itinerario correcto, o que motiva que boa parte dos peregrinos non circulen pola ruta recoñecida e promovida oficialmente". Tamén abordaron "as dificultades que se atopan os peregrinos para cruzar o río Miño e as posibles solucións". 

 Por este motivo os alcaldes e alcaldesas acordaron "a petición dunha xuntanza coa directiva do Xacobeo para transmitirlle a problemática xurdida en relación co Camiño Portugués da Costa, así como a toma de medidas para evitar que non se volten a empregar itinerarios non oficiais en publicacións". Asimesmo solicitaron "unha xuntanza da Mesa do Camiño da provincia de Pontevedra para apoiar as súas demandas".   

 Os alcaldes e alcaldesas entenden que "o máis urxente e buscar solucións a curto prazo para resolver o problema do transporte de pasaxeiros entre Caminha e A Guarda, para dar continuidade ao Camiño Portugués da Costa no seu paso polo Esteiro do río Miño". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario