A Aula CeMIT de A Guarda programa este verán nova formación para adultos
· Un curso de deseño dixital e outro para manter as imaxes a salvo
Infogauda / A Guarda
Neste verán, a Aula CeMIT de A Guarda organiza dúas actividades formativas de novas tecnoloxías, de balde para adultos: un curso de deseño dixital e outro sobre como manter a salvo as imaxes.
O curso de “Deseño dixital con Canva” permitirá aos participantes coñecer esta ferramenta e os principios básicos do deseño para poder realizar carteis, imaxes para redes sociais ou postais, entre outras cousas.
O curso “Non perdas as túas fotos!” está dirixido sobre todo a aquelas persoas que se inician na informática e queren ter as súas fotos a salvo ou poder visualizalas en varios dispositivos.
Todas aquelas persoas que estean interesadas poden formalizar a súa inscrición na Aula CeMIT de A Guarda, no primeiro andar do Centro Cultural, chamando ao teléfono 986 611 850 ou no enderezo de correo electrónico cemit.aguarda@xunta.gal.
Todos os cursos son de balde e con prazas e aforo limitado debido á pandemia.
Sobre a Rede CeMIT
A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia (Rede CeMIT) da Xunta de Galicia, configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información na nosa comunidade e tamén das políticas de goberno en áreas como a empregabilidade, competitividade empresarial, e-inclusión, benestar e a e-Administración.
Conformada por unha serie de aulas públicas de acceso libre e de balde, dotadas de avanzado equipamento informático, audiovisual e multimedia, contan con acceso a Internet e abarcan a totalidade das comarcas de Galicia.
O concello de A Guarda mantén a Aula CeMIT en funcionamento grazas a un técnico contratado a través da liña 3 do plan concellos da Deputación de Pontevedra, de fomento de emprego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario