28 de maio de 2021

VAL MIÑOR

Hoxe, no pleno provincial  

O PP denuncia que PSOE e BNG rexeitan ampliar e mellorar a seguridade viaria na EP-2102, entre Nigrán e Vincios  

Amoedo criticou que “están demasiado ocupados en programas para entender o espazo público contemporáneo, gastando os cartos en grandes presentacións, mentres en estradas como esta o ancho non dá nin para pintar a medianeira”. 


María Carmen Amoedo Dasilva, deputada do grupo provincial do Partido Popular
Foto: D.PO.
 

 Infogauda / Val Miñor

 O grupo provincial do Partido Popular defendou hoxe no pleno provincial unha moción reclamar á Deputación de Pontevedra que se amplíe e mellore a seguridade viaria na EP-2102, entre Nigrán e Vincios, proposta que foi votada en contra por PSOE e BNG.  

 A popular María Carmen Amoedo Dasilva criticou que “o Goberno está demasiado ocupado en programas para entender o espazo público contemporáneo, gastando os cartos en grandes presentacións como as xornadas da Facultade Agora, mentres en estradas como esta e outras moitas da provincia o ancho non dá nin para pintar a medianeira. Ese é o problema que teñen. Queren ínfulas de grandeza en cuestións que non lles corresponde e non fan o que teñen que facer, que é traballar para os pequenos concellos da provincia”.  

 Os populares reclamaban que se corrixan as curvas perigosas, se adecúe o ancho da calzada  a dez metros naquelas zonas nas que sexa posible e constrúan beirarrúas que garantan a seguridade dos peóns. “Vostedes teñe que traballar e os concellos colaborar, hai unha gran diferencia. Levan seis anos Gobernando, xa non teñen xustificación para continuar coa choreira do que lles deixaron os de atrás. Metan cartos para as estradas provinciais”, criticou a popular. Ademais, cuestionou que “precisen catro anos para poñer en marcha un proxecto fundamental para esta estrada, despois do suceso ocorrido en Chandebrito”, e criticou que “boten a culpa aos técnicos das decisións políticas que toma o Goberno”.   

 Esta estrada, de titularidade provincial, comunica os municipios de Nigrán e Gondomar, dando servizo ás parroquias de Camos e Chandebrito, e especialmente a esta última, xa que é a única estrada de acceso desde centro urbano de Nigrán. “É un vial estratéxico e vertebrador para o municipio”, defendeu.   

 A EP-2102 non conta na maior parte do percorrido con beiravías adecuadas polas que poidan transitar os peóns de forma segura, e  nalgúns casos ao borde da calzada presenta desniveis moi perigosos. Pero ademais, hai zonas nas que a calzada ten apenas seis metros e as curvas pronunciadas do seu trazado orixina moitos sustos e percances.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario