O Concello de Tomiño convoca a todos os centros de estudo para montar unha instalación na Praza do Seixo coma homenaxe a Xela Arias
· Saskia Díaz gaña por segunda vez o concurso de deseño da camiseta conmemorativa
· Decenas de persoas participan na votación de expresións galegas para serigrafiar en bolsas de tea
Infogauda / Tomiño
Tomiño vai celebrar, un ano máis, o Día das Letras Galegas. Unha conmemoración moi especial que consistirá na montaxe dunha instalación colaborativa artístico-pedagóxica, denominada “ENTRELAZOS DA MEMORIA-Percorrendo emocións con Xela Arias”, coma homenaxe á escritora distinguida. A intención é convocar dende o Concello para que participen a todos os centros educativos do municipio.
A idea xurdiu da proposta realizada por tres mestras da comarca e a artista galega Irene Silva. O Concello decidiu levala a cabo co obxectivo principal de dinamizar as Letras Galegas en tempos de COVID, dar a coñecer as experiencias emocionais de Xela Arias na infancia e achegalas ás crianzas da zona a través da arte como medio de expresión.
Por este motivo, a idea implica a colaboración dos centros educativos, aportando o seu “gran de area” na obra. O centro educativo máis colaborativo acadará un premio moi especial: un obradoiro artístico impartido por Irene Silva, no que os traballos do alumnado quedarán expostos no Mercado Municipal do 23 ao 30 de maio.
Ademais, co fin de fomentar a creatividade e a participación xuvenil a prol do galego, un ano máis a OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) de Tomiño convocou un concurso de deseño de camisetas e outro de videopoemas.
O nome da persoa gañadora do primeiro (deseño da camiseta) coñeceuse onte, recaendo o premio en Saskia Díaz por segundo ano consecutivo. Veciña da parroquia de Sobrada, ten 28 anos e estudou Relacións Laborais e Recursos Humanos; traballa coma redactora de contidos web e é voluntaria da OMIX. “Considérome unha persoa que cre moito nas enerxías e nos aspectos máis místicos da vida e pensei que era unha boa idea rescatar esa herdanza que temos en Galicia, e que está tamén moi presente na nosa fala, e transformala nun deseño que o reflectira”, explica sobre o seu deseño co lema “Meigallo no falar”. Coma premio recibirá un exemplar da antoloxía poética e unha libreta de Xela Arias, bolsas de tea con frases da terra e difusión do deseño nas redes sociais e nos diferentes medios de comunicación.
Ademais da gañadora, no certame participaron outras 10 mozas: Yolanda, Iria, Uxía, Laura, Aylén, Jennifer, Thalía, Sabela, Clara e Maite. “Cremos que este é o ano que recibimos os deseños máis creativos, elaborados e fermosos; ao xurado non lle resultou nada doada a escolla e estivo a piques de haber empate –explican dende a OMIX- parabéns a todas as participantes, que recibirán unha camiseta co deseño gañador e unha bolsa de tea con frases na nosa lingua”. O xurado valorou especialmente a creatividade, o atractivo e a inspiración dentro do fomento, normalización e posta en valor do idioma.
Pola súa banda, no concurso de videopoemas a gañadora foi Beatriz Pereira, quen levou como premio a antoloxía poética de Xela Arias xunto cunha das bolsas de tea serigrafiadas. Nada no ano 1997, é veciña de Tebra e está graduada en Comunicación Audiovisual. Está vinculada ao departamento de cámara trala súa experiencia en varias curtametraxes, como o musical “Fermata” (Julio Freijeiro, 2020) e especialmente interesada nos eidos da fotografía, vídeo e documental. No 2020 realizou “Xela Arias. Poeta nas marxes”, un documental arredor da figura da poeta e tradutora homenaxeada nas Letras Galegas 2021.
Por último, o 17 de maio a Agrupación Musical de Goián dará un concerto na Praza do Seixo e o grupo de voluntariado do Concello compartirá varias actividades en liña sobre a lingua, cultura e literatura galega para todos os públicos.
Alén diso, na única libraría de Tomiño ofertaranse libros en galego e, como novidade, CDs de música galega cun 40% de desconto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario