3 de maio de 2021

TOMIÑO

O INJUVE recolle na súa guía de exemplo de boas prácticas, dúas realizadas polo Concello de Tomiño   

· Os dous programas do Concello de Tomiño que ofrece a guía son “Voluntariado local” e “Pontes de Papel”, nos apartados de voluntariado e lecer e tempo libre 



Infogauda / Tomiño

 O Instituto de la Juventud de España (INJUVE), recolle na súa guía de exemplos de boas prácticas 111 experiencias realizadas nos últimos anos polas distintas oficinas de información xuvenil do país, dúas delas levadas a cabo pola OMIX Tomiño. Coa colaboración da Red de Servicios de Información Juvenil (RedSIJ), o instituto presenta un catálogo en liña de accións, proxectos e programas destinados ás persoas novas no ámbito local e rexional. É o resultado da convocatoria de Experiencias Locales de Juventud que o INJUVE puxo en marcha este ano para recoñecer o labor das administracións locais e entidades do sector público no seu traballo coa mocidade.   

 Os dous programas do Concello de Tomiño aparecen recollidos nos apartados de “voluntariado” e “lecer e tempo libre”, cos nomes de “Voluntariado local” e “Pontes de Papel”, respectivamente. 

 “O noso obxectivo é facilitar o coñecemento de boas prácticas, compartir as metodoloxías empregadas nelas, e pór en valor aspectos de innovación, co ánimo de que poidan ser reproducidas noutros ámbitos territoriais”, explican dende o INJUVE.  

 O proxecto “Pontes de Papel” ten coma obxectivo o enriquecemento cultural da mocidade tomiñesa, a través do intercambio de cartas manuscritas con mozos e mozas doutros países do mundo coma México, Rusia, Nova Zelanda, Angola, China, etc.   

 Por outra banda, a creación do grupo de voluntariado remóntase ao ano 2003, constituíndo un exemplo de innovación na comarca. Coa finalidade de promover a participación real da xuventude no desenvolvemento da sociedade, organízanse numerosas actividades culturais, formativas, de lecer e tempo libre, e un longo etcétera.  

 As experiencias recibidas foron agrupadas por áreas temáticas para facilitar a súa consulta; arte e cultura; emancipación, emprendemento; igualdade; información xuvenil e participación cidadá; medio ambiente; lecer e tempo libre; saúde e voluntariado.  

 Outros concellos de Galicia que aparecen tamén na guía de boas prácticas con diferentes programas, son os de Cangas de Morrazo ("Rede de Correspondentes XUVENIS 3.0"), Ribadavia ("Seeds Of Europe / Semente de Europa - SE?"), Coruña ("Nocturnia"), Lugo ("Campaña de Nadal en casa en TIKTOK"), Lugo (“Masterclass online de nutrición"), Narón ("Proxecto de educación para a saúde con adolescente en centros escolares") e Siero ("Siero Vive, Encuentro Nacional de Arte Urbano").  

 O listado completo das experiencias recollidas pola publicación do INJUVE pode consultarse en: http://www.injuve.es/conocenos/noticia/experiencias-locales-redsij-de-trabajo-con-jovenes

Ningún comentario:

Publicar un comentario