10 de maio de 2021

SALVATERRA DE MIÑO

A Xunta e o Concello de Salvaterra de Miño colaboran para dotar o centro urbano dunha nova rúa que mellorará a mobilidade dos veciños cun investimento autonómico de 500.000€  

Habilitarase unha nova vía para o tráfico rodado, urbanizada tamén para o tránsito peonil, entre as rúas Curros Enríquez e Castelao 

A Xunta financiará integramente as actuacións e o Concello deberá realizar os trámites expropiatorios, redactar o proxecto, contratar e executar as obras 


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, asinaron hoxe o convenio para reordenar e completar o viario municipal

Foto: X.G.
 

Ethel Vázquez destaca o recente investimento de 682.000 euros nunha senda entre o centro urbano e Zacoteiras, que dá acceso a área termal, e a mellora do firme da rúa Rosalía de Castro  

Avanza que este ano se destinará 1 M€ a reforzar o firme das vías PO-510 e PO-400 ao seu paso polo Porriño, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño

Infogauda / Salvaterra de Miño 

 A Xunta de Galicia e o Concello de Salvaterra de Miño colaborarán para dotar o centro urbano dunha nova rúa que mellorará as conexións na vila e a mobilidade dos veciños, grazas a un investimento autonómico de 500.000 €

 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, asinaron hoxe o convenio para reordenar e completar o viario municipal, que se estrutura a través de rúas que coinciden con treitos de estradas da Xunta.

 Vázquez Mourelle apuntou que algúns deses treitos, como os das estradas PO-400 e PO-409, xa foron transferidos anteriormente á entidade local para a súa xestión como vías urbanas. Agora, coa fin de acadar un funcionamento da rede viaria máis acorde ás necesidades do municipio, o Concello e a Xunta acordan completar esas transferencias de vías.

 Así o convenio de colaboración asinado hoxe recolle o cambio de titularidade a favor do Concello de, entre outras, a totalidade das vías autonómicas PO-420 (Taboexa-Vilacova), PO-430, que vai a Leirado, a PO-432 (Salvaterra-Río Miño) e PO-433, que vai a Cabreira.

 Ademais, e coa finalidade de acadar unha mellor ordenación e mobilidade no centro de Salvaterra de Miño, o acordo recolle a colaboración entre a Xunta e o Concello para proceder á apertura e a urbanización dunha nova rúa, partindo da PO-432, a rúa Galicia.

 Explicou que esta vía se abrirá ao tráfico rodado e ao tránsito peonil entre as rúas Curros Enríquez e Castelao e para a súa execución será necesaria a expropiación dalgún terreo, cuxo custo asumirá a Xunta e xestionará o Concello.

 A conselleira precisou que as obras inclúen o movemento de terras, a demolición de pequenas estruturas situadas na traza e a instalación das canalizacións dos servizos de abastecemento, saneamento, iluminación e telecomunicacións. Unha vez realizadas as acometidas, pavimentarase a vía e as beirarrúas, rematando os traballos coa urbanización e humanización da rúa, coa colocación de mobiliario urbano e arborado.

 No marco do convenio, a Xunta asume o custo total das actuacións e o Concello levará a cabo as expropiacións dos terreos, encargarase dos documentos técnicos e da contratación e execución das obras.

 Ethel Vázquez puxo en valor a colaboración do Goberno galego coas infraestruturas de Salvaterra de Miño, onde recentemente rematou a execución dunha senda de case 1,5 quilómetros entre o centro urbano e Zacoteiras, dando acceso á zona termal da localidade. Esta actuación, que supuxo un investimento autonómico de 682.000 euros, completouse co acondicionamento da rúa Rosalía de Castro. 

 Ademais, a conselleira avanzou que este ano a Xunta investirá 1 millón de euros nos traballos de reforzo de firme das estradas PO-510 e PO-400 ao seu paso polos municipios do Porriño, Salceda de Caselas e Salvaterra, que comezarán a finais do verán. 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario