11 de maio de 2021

PONTEVEDRA

A subdelegada adiantou que a próxima fin de semana reforzaranse, de novo, os  diferentes dispositivos policiais 

A Policía Nacional, a Policía Adscrita e a Garda Civil realizaron 1.565 controis na provincia durante os  últimos sete días 

· A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá unha xuntanza de coordinación coas diferentes forzas e corpos de seguridade da provincia  para realizar un seguimento das accións de control e prevención levadas  a cabo con motivo da crise sanitaria durante os últimos sete días.


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, presidiu hoxe, por videoconferencia, unha reunión de coordinación coas diferentes forzas e corpos de seguridade da provincia

Foto: S.de G.

Infogauda / Pontevedra

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra,  Maica Larriba, presidiu hoxe, por videoconferencia, unha reunión de coordinación coas diferentes forzas e corpos de seguridade da provincia para  realizar un seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual  situación sanitaria. Ao encontro asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o comisario xefe accidental da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Díaz; a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma; a inspectora xefa UPA-Vigo, Sheila González; e o  xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro. 

 Durante a reunión, as Forzas e Corpos de Seguridade fixeron balance das  actuacións levadas a cabo durante os últimos sete días, centradas sobre todo na fin de semana, cando concluíu o fin do estado de alarma a o fin da limitación mobilidade nocturna. En total, do 4 ao 10 de maio, a Garda Civil, a Policía  Nacional e a Unidade de Policía Adscrita levaron a cabo 1.565 dispositivos  de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 1.778 axentes, se  identificaron a 5.091 persoas e se controlaron 3.611 vehículos. En total,  eleváronse 229 propostas de sancións como resultados destes controis e  inspeccións na hostalaría. 

 No que respecta á Garda Civil, este corpo realizou durante os últimos sete días 1.298 controis nos que participaron 1.117 efectivos. Nestes operativos 4.254 persoas foron identificadas, 3.298 vehículos foron controlados e 36 persoas  foron sancionadas. En particular, no ámbito da hostalaría, a Garda Civil realizou  967 inspeccións e interpuxo 3 sancións.

 Pola súa banda, a Policía Nacional levou a cabo 175 controis na provincia que  contaron coa participación de 537 axentes. Nestes dispositivos foron  identificadas un total de 718 persoas e 313 vehículos. Como resultado destes  controis e das diferentes inspeccións no eido da hostalería, interpuxo 131  sancións. 

 Asemade, a Unidade de Policía Adscrita de Galicia organizou 92 dispositivos  nos que identificou a 119 persoas e interpuxo 13 propostas de sanción. Nestes  dispositivos participaron 124 axentes autonómicos. No ámbito da hostalaría,  este corpo levou a cabo 176 inspeccións en establecementos nos que  interpuxeron 7 denuncias. 

 A subdelegada do Goberno salientou que “a pesar do vivido noutras zonas do  país, a nosa provincia estivo tranquila tras o levantamento do estado de  alarma”. Neste sentido, Larriba expresou que “non se produciron incidentes  salientables durante a fin de semana, a pesar de que se reforzaran os  dispositivos policiais”. Do mesmo xeito, a subdelegada adiantou que a próxima  fin de semana tamén se verán ampliados estes equipos e controis. 

 Así mesmo, Larriba apelou de novo á responsabilidade individual da cidadanía  galega para non retroceder na situación actual da pandemia en Galicia. 

 Por último, explicou que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil  continuarán desenvolvendo tarefas de vixiancia e de sensibilización dacordo  coas novas medidas que se publiquen no Diario Oficial de Galicia e daquelas  que valide o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En concreto, a prioridade  será a de vixiancia das zonas con maior incidencia da COVID-19, as situadas  no nivel máximo de risco. Ademais, prestarase unha especial atención aos  colectivos con menor taxa de vacinación e aos concellos cun índice de  poboación nova máis alto (como as áreas metropolitanas das cidades), para  vixiar que se cumpran as novas medidas de horarios e reunións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario