11 de maio de 2021

CULTURA

A Deputación de Pontevedra estreará este venres a xira do espectáculo 'X Xela' para celebrar as Letras Galegas 

O exterior do Pazo Provincial será escenario dun acto multidisciplinar cun concerto de A Banda da Loba, poesía e audiovisuais 


A presidenta da Deputación de Pontevedra - no centro da imaxe -, coas deputadas provinciais de Cultura e de Língua, respoectivamente, o fotógrafo Xulio Gil e a poeta Tamara Andrés, na presentación da programación cultural

Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 O exterior do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra será este venres 14 de maio o escenario de inicio de xira en Galiza do espectáculo ‘X Xela'. Con este evento multidisciplinar programado pola institución provincial para conmemorar as Letras Galegas iníciase unha programación da Deputación que, segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, continuará todo o ano baixo o lema ‘365 días en galego' con actividades dirixidas principalmente á xente moza "e o obxectivo de reivindicar a lingua propia como identidade e espertar a responsabilidade persoal da cidadanía para que non deixe de falar en galego".  

 ‘X Xela' é dun espectáculo multidisciplinar no que todo tratará en torno a obra da autora misturando tres formatos (música, poesía e fotografía. "Será un show dinámico, atractivo e 100% feminino para homenaxear a unhapoeta tan singular", apunta Ortega, que subliña que a asistencia é gratuíta, podendo reservar praza a través do formulario existente en www.depo.gal tanto para o acto de Pontevedra (14 de maio) como para o de Vigo (22 de maio), onde pechará a xira.  

 A parte musical do evento correrá a cargo da Banda da Loba, unha formación galega que está a revolucionar a música galega coa mestura de música e literatura, que musicará poemas de Xela Arias dende formatos máis tenros ata o punk rock pasando polo country ou o bolero. A parte de fotografía tómase das imaxes de Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio da Crítica Galega con máis de corenta anos de traxectoria.  

 A parte poética de ‘X Xela', comisariada por Tamara Andrés, contará con catro poetas que representan, comparten a forza e a linguaxe poética da homenaxeada: "Helena Salgueiro, que ten a poesía incrustada no corpo; Estíbaliz Espinosa, unha poeta cos pés na terra, a ollada no ceo e a lingua e o corazón cheos de curiosidade; e Nuria Vil e Vanessa Glemsel, que teñen o proxecto ‘Dúas gamberras e un micro', que son rebeldes e denunciadoras de desequilibrios e lanzan frases coma frechas. O espírito de Xela estará moi presente", subliña a comisaria.  

Máis actividades  

 Ademais dos espectáculos ‘X Xela' a Deputación ten unha extensa programación destinada ás Letras Galegas 2021, segundo explica a deputada de Lingua María Ortega. En colaboración coa AELG realizaranse 20 obradoiros sobre Xela Arias a cargo da  xornalista e escritora Lara Dopazo Ruibal - encargada da parte de 3º e 4º da ESO-, mentres o obradoiro ‘Xelapalabra' correrá a cargo do escritor Jesús Castro Yáñez e dirixirase a 4º, 5º e 6º de Primaria. Celebraranse nas vindeiras semanas en Pontevedra, Vigo, Marín, Tomiño, A Estrada, Fornelos, Oia e Agolada, onde os centros xa esgotaron as prazas da AELG, que teñen unha longa lista de agarda.  

 Tamén haberá dúas exposicións, a primeira titulada ‘Lebres como gacelas', que está inspirada en "Tigres como cabalos" a obra de Arias con fotografías de Xulio Gil e servirá de base para o concurso de fotografía e poesía que se lanzará dirixido ao alumnado Secundaria e Bacharelato. A outra exposición será ‘Xela Arias, a poesía do retrato', en colaboración co Concello de Vigo, que reunirá poemas da autora xunto a retratos realizados por Xulio Gil durante os anos 80 e 90.  

 Por último, programarase unha acción escénica no Castelo de Soutomaior para vincular a figura de Xela Arias coa de María Vinyals. Trátase de ‘Vencerse é unha cousa de se tratar', unha proposta de Fernando Abreu na que participa Monica de nut, Pablo Carrera e Roi Fernández e baixo a direccion de Avelino González.

Ningún comentario:

Publicar un comentario