6 de maio de 2021

O ROSAL

O IV Trail Adventure Muíños do Folón chega este domingo cun novidoso percorrido  

· A organización deseñou unha ruta no que o 80% do traxecto é novo

· Esgotadas en menos de 24 horas as inscricións para participar no trail, a primeira proba da Pontevedra Trail League   


As autoridades que participaron na presentación da proba co director deportivo do evento
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 A cuarta edición do Trail Adventure Muíños do Folón chega este domingo 9 de maio ao Rosal cunha proba adaptada ao cento por cento á nova realidade. Máis de 400 persoas participarán nesta carreira cun percorrido de 15 quilómetros e un protocolo sanitario espefícico deseñado para garantir a saúde de todos e todas: durante hora e media realizaranse saídas de dous corredores cada 20 segundos ao tempo que a Federación Galega de Atletismo controla que todo transcorre con normalidade.  

 “Debemos poñer en valor a capacidade que tivo a organización do trail de reinventarse, de adaptarse ás circunstancias e de apostar polo deporte seguro”, salientou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, durante a presentación oficial da proba, na que tamén participaron o responsable da Cooperación cos Concellos da Deputación de Pontevedra, Santos Héctor; o xefe do Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, e o director técnico da proba, Serafín Martínez.  

 Nesta ocasión, a organización renovou o 80% do percorrido nunha contorna única. Como sinalaba a rexedora, “desta pandemia aprendemos a importancia que ten valorar o que temos preto de nós e a gran relevancia que colleron os espazos naturais da contorna, que nos identifica como un lugar no que a veciñanza ten a oportunidade de desfrutar da calidade de vida e que atrae tamén a persoas de fóra para coñecer os muíños, sinal de identidade do valor patrimonial que temos no noso concello e na que temos implicadas a persoas que coa súa vontade, enerxía e altruísmo fixeron posible unha proba deportiva como o trail”.  

 Esta será a primeira proba de montaña de atletismo que se fai en Galicia neste 2021, “un trail moi diferente, con limitación de xente que procederá exclusivamente da comunidade galega polas restricións”, explicou Serafín Martínez. “É unha oportunidade para volver á vida deportiva e para que a xente poida eliminar a adrenalina que leva tanto tempo acumulada participando en diferentes probas”, recoñeceu o director técnico, quen sinalou a boa acollida desta edición tan especial: en menos de 24 horas estaban cubertas todas prazas. 

 O IV Trail Adventure Muíños do Folón conta co apoio da Deputación de Pontevedra e forma parte da Trail League xunto cos de Tui e A Guarda. “Para nós é unha satisfacción poder colaborar con esta importante proba, porque o deporte está sendo un revulsivo tanto para os profesionais como para o público en xeral. É unha forma de promocionar o concello e a provincia, porque aínda temos moito que amosar”, asegurou o deputado Santos Héctor.  

 Pola súa banda, Daniel Benavides, responsable do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, quixo destacar os protocolos específicos desenvolvidos para poder realizar a proba con todas as garantías sanitarias. “Esta é unha proba moito máis segura e iso é un acerto. É un evento afianzado e un referente para moitos organizadores de probas deportivas para camiñar cara unhas actividades que se antes tiñan unha alta calidade agora estarán xa dentro da excelencia deportiva”, recordou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario