O Concello de A Guarda brinda unha programación cultural coas Letras Galegas e o medio ambiente como eixes
• O ciclo “Sostendo o futuro” e as actividades arredor da figura de Xela Arias, centran a programación deste mes con proxeccións, teatro, charlas, recitais,...
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda, a través das concellerías de Cultura e de Medio Ambiente, respectivamente, que ten asumidas a tenente de alcalde Mª Montserrat Magallanes Álvarez, vén de programar diversas actividades para este mes de maio, centradas na conmemoración das Letras Galegas e no medio ambiente, que traerán á vila guardesa proxeccións, teatro, charlas, recitais,...
A programación arranca este sábado día 8 de maio, ás 19:30h no Centro Cultural, coa proxección do filme “O que Arde”. Unha película dirixida por Óliver Laxe que transcorre en zonas rurais de Galicia e que amosa o problema da desaparición do medio rural a consecuencia dos incendios forestais. Esta proxección enmárcase dentro do ciclo de actividades medioambientais “Sostendo o Futuro”.
O sábado 15 de maio, ás 20:00h no Centro Cultural continúa a programación cultural coa representación teatral de “32M2 – Unha xira confinada”. Esta obra de teatro, creada pola plataforma ButacaZero, trata sobre o absurdo do confinamento, coa finalidade de provocar nos asistentes unha catarse colectiva ante un acontecemento que ten marcado, e marcará, a vida da sociedade. Unha comedia de enredo sobre a nosa realidade máis recente coa que o público sentirase seguramente identificado. O prazo para a reserva de entradas abrirase o venres 7 de maio a través do correo electrónico centrocultural@aguarda.es
Xa para a seguinte semana concéntranse actividades dirixidas a todo tipo de público, como son a charla-debate sobre a ALARGASCENCIA para o venres 21 de maio que, dentro do ciclo “Sostendo o Futuro”, busca a reflexión sobre os nosos hábitos de consumo efímeros.
Dentro das actividades da Biblioteca Pública Municipal de A Guarda, o salón de actos do Centro Cultural acollerá na mañá do 22 de maio, a representación O Conto dos Ratos de Lonxedetodo, dirixida aos máis pequenos da casa.
Tamén o día 22 de maio ás 19:00h., na Praza do Reló, será o momento de homenaxear a Xela Arias cunha lectura pública de poemas que contará coa participación do IES A Sangriña e a colaboración da Agrupación Cultural Guardesa.
Esa lectura de poemas non será o único evento adicado a Xela Arias - poeta homenaxeada neste 2021, e que foi mestra no noso instituto - xa que para a última fin de semana do mes, terá lugar no Centro Cultural un singular espectáculo - “Vencerse é cousa de se tratar” - creado para este ano por Fernando Abreu, e que ten a súa orixe nun recital que o propio Abreu e Xela estaban a preparar no momento do pasamento da poeta. A función recupera as voces da Xela Arias que quedaron rexistradas daquela, dentro dos traballos de preparación e agora toman forma, ao tempo que fotografías e versos da súa obra son proxectados na pantalla, co acompañamento instrumental de Fernando Abreu e Pablo Carrera, e de Mónica de Nut, artista viguesa, lendo os poemas de Intempériome.
A exposición de poemas en variados formatos completan esta programación tendo dunha banda a exposición de poemas de Xela nos comercios “Tódalas poetas son tu e ningunha coma ti” e a segunda edición do Tendal de Poemas, que este ano abranguerá os lavadoiros da localidade da man dos centros educativos da vila.
Ademais, paralelamente a todas estas actividades, mantense ata o 22 de maio a Ruta do Libro, que obsequia a todas aquelas persoas que merquen libros na nosa localidade, cunha bonita bolsiña de tela para poder transportalos.
Como xa vén sendo habitual tódalas actividades requiren de inscrición previa no correo electrónico centrocultural@aguarda.es, abríndose o prazo de inscrición unha semana previa ao evento en si.
Os comercios que queiran acoller os poemas de Xela Arias no seu escaparate poden anotarse no correo electrónico cultura@aguarda.es ata o 18 de maio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario