5 de maio de 2021

O ROSAL

A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal denuncia un paso máis no deterioro do servizo de Atención Primaria  

· A Plataforma sinala que a situación na que está este servizo nesta localidade vese agravada agora pola falta de pediatra 

 

Fachada principal do Centro de Saúde do Rosal
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal denuncia que  “o servizo de Atención Primaria dos concellos do Baixo Miño leva xa anos nunha situación de precariedade provocada principalmente pola falta de medios persoais e deficiencias nas  instalacións. Concretamente no caso do Rosal, o persoal sanitario atende a un número de pacientes que supera as recomendacións dos colexios médicos e da OMS”.  

 Coa pandemia, as carencias de espazo e de dotación material do Centro de Saúde obrigaron a desprazar á Guarda o servizo de pediatría e a pechar a consulta de San Miguel. A implantación ademais da atención telefónica, lonxe de aliviar o traballo do persoal médico, supuxo un afondamento no deterioro do servizo, ademais de poñer ás profesionais do centro nunha situación límite.  Atender aos pacientes por teléfono, ademais de difícil e moitas veces frustrante, supón unha multiplicación da carga de traballo e unha sobrecarga emocional, xa que unha parte da poboación os fai responsables do deterioro do servizo, engaden desde á Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal. 

 Asemade lembran que “recentemente a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, reuniuse do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a quen explicou os problemas da atención primaria. Se ben o conselleiro admitiu a existencia de carencias de persoal e expresou a intención de convocar unha praza de médico, non apreciou a necesidade de reforzar o servizo de pediatría nin comprometeu melloras nas instalacións. Desde a Plataforma reivindícase que a praza de médico debe ir acompañada dunha praza de enfermería e reitérase ademais a necesidade de crear unha praza de pediatría para O Rosal, xa que o concello ten poboación infantil suficiente para xustificala. Do mesmo xeito, dende a plataforma esíxense solucións ás carencias estruturais e de equipamento nos centros de saúde”.  

 Por outra parte, “a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal denuncia novamente o feito de que sigan sen contratar substitutos para as ausencias do persoal facultativo. A situación acaba de agravarse, xa que desde o pasado día 29 de abril non hai pediatra para os usuarios e usuarias do Rosal. O servizo estase a cubrir prolongando a xornada das dúas pediatras que quedan na Guarda. Deste xeito os nenos e nenas están sendo atendidos cada día por unha persoa distinta, o que supón un grave deterioro do servizo pola perda de continuidade no seguimento”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario