13 de maio de 2021

O ROSAL

Música para conmemorar no Rosal o Día das Letras Galegas 

· O vindeiro luns 17, ás 19:00 horas, na Praza do Calvario celebrarase un concerto no que participarán o coro infantil da Agrupación Musical, Novo Orballo e o grupo de música tradicional Lirolai   




Infogauda / O Rosal

 O Rosal conmemorará o vindeiro luns 17 de maio, o Día das Letras Galegas cun concerto na Praza do Calvario. Un evento musical co que homenaxear a Xela Arias, poeta e escritora contemporánea, rompedora de barreiras da linguaxe e moi avanzada para os tempos que lle tocou vivir e a quen se lle dedica este ano esta data tan sinalada. 

 O acto, organizado polo Concello, comezará ás 19.00 horas e contará coa participación de tres grupos da Agrupación Musical do Rosal. Os primeiros en actuar serán os máis pequerrechos, os nenos e nenas do coro infantil de entre 5 e 12 anos, que deleitarán ao público con cancións infantís galegas. A continuación será a quenda do grupo Novo Orballo, que interpretará unha escola de temas populares galegos e sorprenderá ás persoas asistentes coa estrea dunha canción composta por un dos seus membros. Pechará o acto o grupo de música tradicional Lirolai, que agasallará ao público con arranxos de cancións galegas e da raia, así como con pezas propias que están recollidas nos seus dous traballos discográficos.  

 O concerto será ao aire libre con aforo reducido, con entrada do público por estrito orde de chegada ata completar prazas. A actividade desenvolverase cumprindo con todas as medidas e protocolos marcados polas autoridades sanitarias, facendo dende o Concello todos os esforzos posibles para continuar coa actividade cultural de xeito seguro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario