18 de maio de 2021

LABORAL

A CIG de Vigo chama a participar na manifestación deste  mércores en defensa do naval e polo futuro industrial da  comarca 

A marcha arrincará do cruce da Dobrada ás 18:00 horas e  rematará no farol de Urzaiz 




Infogauda / Vigo

 A Unión Comarcal da CIG de Vigo fai un chamamento ao conxunto da clase traballadora da bisbarra a participar na manifestación convocada para este mércores 19 de maio en defensa do  sector naval e polo futuro industrial da comarca. A marcha arrincará dende a Dobrada ás 18:00  horas e rematará no farol de Urzaiz. 

 Dende a central sindical lembran que levan moito tempo alertando do continuado devalar industrial  que se está traducindo, dende hai anos, nunha verdadeira “desertización” da base produtiva no  conxunto da bisbarra. Hoxe, só na cidade de Vigo, hai 5400 empregos industriais menos dos que  había no ano 2009; e só no último ano destruíronse por volta de 2500 postos de traballo neste sector. “Esta situación ten causas e tamén responsábeis”, sinalan. 

 En concreto, apuntan a falla de política industrial por parte da Xunta de Galiza, en mans do PP, que  ten colocado a industria da comarca nunha situación de total desamparo e abandono. “Mais, como  repetimos de maneira insistente, o futuro de Vigo e a súa área será industrial ou non será. E como  país non podemos permanecer impasíbeis diante do continuado retroceso do verdadeiro pulmón  industrial que ten sido historicamente a área de Vigo”. 

 Neste contexto, para a CIG adquire unha importancia dramática a situación límite dun sector  estratéxico para a industria viguesa como é a construción e a reparación naval. “Non esaxeramos  cando alertamos de que corremos o risco real de que o sector naval de Vigo, tal e como coñecemos,  acabe desaparecendo”. 

 E trátase dunha actividade que chegou a representar preto de 10 mil postos de traballo, e que exerce  unha imprescíndíbel forza tractora para mobilizar e activar a industria auxiliar ligada ao metal.  “Estamos a presenciar en directo o naufraxio do sector naval. Temos o antigo Vulcano nu caleixón  sen saída, por culpa da brutal campaña antinaval emprendida polo PP desde a Autoridade Portuaria,  para converter un estaleiro centenario nunha prolongación da terminal de contedores. E a Barreras,  o principal estaleiro privado do estado Español, nun punto crítico, coas gradas paradas e sen carga  de traballo á vista”. 

Intervención pública directa 

 Neste sentido, insisten en que o futuro de Barreras, e por extensión do conxunto do sector naval,  non pasa por seguir a meter máis e máis diñeiro público no peto dos accionistas privados. “A  experiencia historica dinos que a solución para saír deste permanente día da marmota non é esa”.

 Por iso urxen unha intervención pública directa. “Diante da incapacidade do capital privado para  poñer en marcha as enormes potencialidades do sector naval, blindar o futuro desta actividade  estratéxica esixe dotar a ría de Vigo dun estaleiro público ou semipúblico, no que toda achega de  diñeiro público estea condicionada á participación directa da toma de decisións. Temos que romper esta espiral de fiascos. De promesas incumpridas. De crises cada poucos meses”. 

 Finalmente, insisten en que para evitar o risco de que o naval desapareza, co que iso suporía de  golpe definitivo para o conxunto da industria, é preciso tomar o control dende o público, tal e como  están a facer noutros países, como Francia ou Escocia. “É momento de dar un paso á frente, e de  esixir dos Gobernos galego e español solucións reais que aseguren a continuidade da actividade e  do emprego no sector naval de Vigo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario