26 de maio de 2021

LABORAL

A CIG mobilízase diante da Xunta en Vigo para demandar  políticas activas que garantan o futuro da automoción 

Alerta da deslocalización de empresas por falta de competitividade e reclama fábricas de compoñentes en Galiza 


A CIG desenvolveu hoxe unha concentración diante da delegación da Xunta en Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A CIG desenvolveu hoxe unha concentración diante da delegación da Xunta en Vigo para  demandarlles aos Gobernos español e galego a posta en práctica de políticas activas que  garantan o futuro do sector da automoción ante os novos novos retos que enfronta unha  industria que emprega a milleiros de traballadores/as no noso país. Dende a central sindical  alertan sobre o crecente proceso de deslocalización de empresas, reclaman a instalación de  fábricas de compoñentes en Galiza e denuncian a falta dunha política industrial por parte da  Administración autonómica. 

 Delegados/as sindicais e traballadores/as da automoción de Vigo, Pontevedra e Ourense  participaron na protesta que se desenvolveu de 11:30 a 12:00 horas ás portas do edificio  administrativo, onde despregaron dúas faixas nas que se podía ler “Por un futuro industrial  para o sector da automoción” e “ERTE na automoción, roubo e explotación” e berraron  consignas como “Emprego digno na automoción”, “Xunta, escoita, a automoción está en  loita” “Hai que derrogar a reforma laboral” ou “Non aos ERTE na automoción”. 

 Ao remate da protesta, a responsábel da automoción da CIG-Industria, María Xosé García,  tomou a palabra para denunciar que na actualidade máis de 20.000 persoas traballadoras da  industria galega do automóbil atópanse en situación de desemprego pola falta de  semiconductores (microchips), “mentres o Goberno español anuncia investimentos  multimillonarios noutras rexións do Estado para a instalación de fábricas de baterías eléctricas e Portugal confirma a instalación de plantas de compoñentes no seu territorio  despois de que fosen deslocalizadas as producións de Galiza, anunciando a chegada dunha nova planta de BorgWarner que fabricará motores eléctricos en Viana do Castelo”. 

 García fixo fincapé en que a chegada de milleiros de euros da UE -polos que teremos que  pagar un alto prezo en recortes laborais e sociais- para cambiar o modelo produtivo por unha  economía verde, respectuosa co medio ambiente e que incentivará as fontes de enerxía  renovábeis e os vehículos limpos, e o feito de que a tarifa eléctrica galega é a máis cara do  Estado, “poñen enriba da mesa o perigo de peches e deslocalizacións porque as empresas  instaladas no noso territorio non van ser competitivas no futuro sector do automóbil”.  

 Neste senso, lamentou que a falta dunha verdadeira política industrial de país por parte da  Xunta, que fía o futuro económico ao sector servizos vinculado ao turismo, ao Camiño de  Santiago e ao Xacobeo -como ten denunciado a CIG en numerosas ocasións- condena o noso  país a converterse nun ermo produtivo, como está a acontecer no norte co desmantelamento  das electrointensivas e no sur co naval e coa automoción. 

 “Asistimos a unha crise industrial de norte a sur de Galiza que ten como punto en común unha desapiadada aplicación das reformas laborais do PP e do PSOE, presentando ERTE sen  ningún tipo de autorización administrativa, poñendo contra as cordas as persoas traballadoras do sector. Incumprindo incluso as escasas normas que eles acordan, enviando a milleiros de  persoas ao paro sen cumprir o preaviso de cinco días, dun día para outro sen solución de  continuidade e sen saber cando e como imos a volver ao noso posto de traballo”. 

 A isto sumou unha situación interna nas propias fábricas que fai que se perdan un gran  número de postos de traballo pola subcontratación, e onde as empresas multiservizos, centros especiais de emprego ou ETT “aplican a reforma laboral con salarios de miseria, xornadas  desreguladas que impiden conciliar a vida laboral e familiar e abusos nas horas extras e na  contratación”. 

 Finalmente, censurou que a inacción dos Gobernos da Xunta e do Estado evidencia a  “inutilidade” da súa xestión para o pobo traballador galego. “Gobernos que están dirixidos por políticos/as pusilánimes que están ás ordes do capital e que lle dan as costas á clase  traballadora”. Por iso rematou a súa intervención facendo fincapé en que é o momento de saír á rúa para pedir a aplicación de políticas “que defendan os nosos dereitos e que garantan  futuro e traballo digno en Galiza”. 

Descenso da actividade 

 Pola súa banda, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, lembrou que a  central sindical leva dende o ano 2018 advertindo sobre o descenso da actividade no sector,  que neste tempo provocou reducións dos cadros de persoal nas empresas principais e a non  renovación de contratos ao persoal eventual, cunha afectación directa sobre o emprego e a  actividade nas empresas subcontratadas. 

 “A esta situación de precariedade sumáselle agora a actual crise pola pandemia da covid, polo que consideramos que as propostas presentadas en 2018 e que este ano complementamos  seguen a ser necesarias para poder afrontar o futuro do sector sen que sexan sempre os cadros de persoal os que paguen a crise”. 

 Subliñou que esta crise difire da crise económica de 2008, que foi unha crise do sistema  capitalista. “Esta é unha crise técnica que ten que ver coa chegada das novas tecnoloxías e do  cambio do papel do automóbil dentro das cidades e a súa incidencia no medio ambiente, coa  nova lei de cambio climático e transición enerxética”. 

 Deste xeito, a aposta polos coches de baixo custo e motor diésel e gasolina “pon a Galiza  nunha situación moi débil e irrelevante, facendo perigar a subsistencia das empresas e dos  nosos postos de traballo”. A perspectiva a nivel galego “é terribelmente negativa”, cunha  factoría que produce principalmente vehículos destinados para profesionais e vehículos de  baixo custo con mecánicas moi sinxelas para o seu abaratamento, en sectores que mercan  fundamentalmente vehículos diésel. 

 “Calquera cambio no mercado que pase por prescindir do diésel e apostar por tecnoloxías  menos contaminantes que comezan a ser prioritarias noutros países do contorno europeo, pon en serios problemas a este sector no noso país”. 

 Por iso entende que non contar cunha planta de fabricación de baterías eliminaría o sector  galego da automoción do taboleiro da fabricación do coche eléctrico, e polo tanto aumentaría  a súa situación de febleza ante os novos cambios que afronta o sector. “Estaremos vixilantes  para saber cal vai ser a aposta de Stellantis e das Administracións galega e estatal.

 Neste punto lembrou que a propia Asime, unha das patronais do sector do metal, aproveitou  “a actual situación de caos” para facer unha chamada de atención ás administracións publicas e ás empresas “para que intenten apostar pola fabricación nacional ou europea de  determinadas materias primas ou compoñentes”. Algo no que a CIG leva insistindo dende hai anos: as fábricas de compoñentes teñen que estar a carón da factoría principal. 

Publicidade institucional 

 Con respecto ao papel que ten que xogar a Xunta neste proceso, incidiu en que non pode ser  “un simple instrumento de publicidade institucional,” mostrando que ten unha intensa  relación co Ceaga, cando en realidade compórtase de xeito submiso “mostrándose como un  Goberno pusilánime ás ordes da dirección de Stellantis (antiga PSA Citroën)”. 

 Nesta liña, considera que é necesario máis que os actos publicitarios do presidente da Xunta,  do presidente da Zona Franca ou do alcalde de Vigo “para lograr a captación de fondos  europeos de recuperación cos que implantar unha fábrica de semiconductores ao lado da  planta que máis vehículos fabrica no Estado español”. 

 Mais no só destes compoñentes, senón que o Goberno galego ten que activar un plan para a  atracción das plantas de fabricación dos novos compoñentes dos coches eléctricos como os  motores de tracción, cargadores de a bordo, novos sistemas de tracción, inversores,  controladores ou a fabricación de portos de carga. 

 Polo que anunciou que a CIG seguirá a mobilizarse contra a aplicación “indiscriminada e sen  garantías” de ERTE que permite a reforma laboral, contra da deslocalización e os peches de  empresas e para reclamar unha aposta decidida por un sector industrial como o da  automoción, “que para nós si é un sector estratéxico e esencial da nosa economía, e polo  tanto para a creación de emprego digno e de calidade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario