12 de maio de 2021

CULTURA

O Rosal acolle a exposición ‘Aquela nena de Sarria’ en homenaxe a Xela Arias  

· Estará a disposición do público no Salón de Exposicións do Concello ata o vindeiro 23 de maio

   

A mostra ‘Aquela nena de Sarria’ xa pode visitarse no Salón de Exposicións do Concello do Rosal

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Salón de Exposicións do Concello do Rosal acolle ata o vindeiro 23 de maio a mostra ‘Aquela nena de Sarria’, unha exposición itinerante elaborada polo Colectivo Egeria en colaboración co Concello de Sarria e da Real Academia Galega para honrar á escritora, poeta e tradutora Xela Arias, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.  

 A mostra está composta por 12 paneis que recollen o tempo sarrián e lucense da escritora, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co idioma galego e o empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real. Complétase con poemas dirixidos a Xela Arias por alumnos e alumnas dos institutos Xograr Afonso Gómez de Sarria e Gregorio Fernández e por poetas de Sarria, así como de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que a escritora trazou e ata un conxunto de “Vilariñas”, especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitírica honra a Xela Arias no seu ano. 

 A exposición inclúe fotografías facilitadas pola familia da escritora e poeta e unha serie de debuxos da pintora lucense Sabela Arias, que conforman un especial complemento ás fotografías que foron o punto de partida da autora para este traballo.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario