18 de maio de 2021

A GUARDA

O Ciclo “Sostendo o Futuro” continuará  cunha charla sobre “alargascencia”  

• O venres 21 de maio, ás 20:00 horas, no Centro Cultural da vila 

• Inscricións abertas no correo electrónico centrocultural@aguarda.es  




Infogauda / A Guarda

 O actual modelo de consumo vén marcado por productos pouco duradeiros, difíciles de reparar e reutilizar. Neste contexto, medio ambiente e cidadanía vénse prexudicados xa que a reciclaxe non é suficiente para asegurar un consumo de recursos naturais sostible, pois estamos consumindo recursos a un ritmo maior do que se rexeneran. Por todo isto, debemos ir máis alá, mudando os nosos hábitos cara un modelo máis responsable para construír unha sociedade máis consciente.  




 De cara a proporcionar ferramentas á cidadanía para levar a cabo este cambio no modelo de consumo, o Concello de A Guarda organiza unha charla sobre como deixar atrás a obsolescencia e alongar a vida dos produtos que consumimos. No transcurso da actividade, ademais de analizar o actual modelo de consumo, proporcionarase un directorio que axudará á veciñanza a atopar diferentes establecementos de reparación, segunda man, aluguer,… Esta actividade estará impartida por membros da asociación Amigos da Terra e realizarase no Centro Cultural da vila, este venres día 21 de maio ás 20:00h. 

 A programación de “Sostendo o Futuro” continuará o sábado 5 de xuño co Día do Medio Ambiente, onde para conmemoralo, desde o concello guardés “optouse por unha actividade que divulgue a nosa contorna mais inmediata: as nosas árbores. Cada día paseamos pola nosa vila e descoñecemos as características e singularidades dos nosos xardíns, polo que este roteiro busca por en valor o patrimonio natural da nosa vila da man de A Jalleira, asociación forestal e de educación ambiental que conta con gran experiencia neste ámbito”. 

 Debido ás limitacións de aforo o roteiro realizaranse dúas actividades. O sábado 5 de xuño en horario de 18:00 a 20:30h e o domingo 6 de xuño en horario de 10:00 a 12:30h. Inscrición previa en centrocultural@aguarda.es  

 E cando estemos ás portas do verán, chegará unha proposta infantil coa compañía “Títeres Entucasa” sobre a contaminación das nosos océanos, concretamente de como o incremento dos plásticos afecta ao plancton e aos cambios no hábitat das especies mariñas. A representación de “Plancton” será o sábado 19 de xuño na praia do Forte (Camposancos), ás 18:00h. Inscrición previa en centrocultural@aguarda.es

Ningún comentario:

Publicar un comentario