O Concello de A Guarda concede neste 2021 subvencións por valor de máis de 140.000€
• A entidades locais de carácter social, cultural e deportivo
O alcalde do Concello de A Guarda e o presidente co Club de Balonman Atlético Guardés, no momento da sinatura da entrega da subvención municipalFoto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda concede neste exercicio de 2021 subvencións nominativas a entidades de carácter social, cultural ou deportivo. Segundo vén de facer público o executivo local "o importe acada un total de 116.400€. Así 17.100€ van destinados a entidades de carácter social. Se distribuirán 9.000€ ao centro San Xerome Emiliani; 4.300€ á asociación Erguete de prevención das drogodependencias e educación e promoción da saúde; 3.000€ para a asociación Avelaíña, de axuda a persoas con problemas de saúde mental; e 800€ para a fundación As Samaritanas.
Para as entidades de carácter cultural a cantidade total a distribuír é de 29.300€ entre as que o goberno municipal considera que hai que destacar o apoio á Banda Musical da Guarda con 7.440€; ou o apoio a todas as comisións de festas patronais da localidade, entre outras.
E no ámbito deportivo o importe total é de 70.000€ que se distribúen da seguinte maneira: 35.000€ para o Club de Balonmán Atlético Guardés; 19.800€ para o Sporting Guardés; 13.200€ para o Club de Remo Robaleira; e 2.000€ para a club de fútbol feminino, Unión Guardesa".
O alcalde, Antonio Lomba, quere significar que "durante esta lexislatura se está facendo un esforzo para estar ao lado das diferentes entidades e asociacións que miran polo desenvolvemento cultural, social e deportivo da localidade e dos seus veciños e veciñas". Asemade, quere, "de xeito expreso, trasladar o apoio do concello da Guarda ao asociacionismo que posibilita acadar un alto nivel no eido deportivo, a proxección cultural da localidade e se presta, por medio destas entidades, unha atención aos problemas de carácter económico ou de saúde das persoas da nosa veciñanza".
O concello da Guarda tamén vai outorgar subvencións en concorrencia competitiva entre entidades e asociacións da localidade para a realización de actividades neste 2021. O importe total destas subvencións é de 31.760€, ás que poderán acceder en canto estean publicadas as bases reguladoras das mesmas.
Para poder acceder a estas subvencións as entidades ou asociacións terán que estar inscritas no rexistro de asociacións do concello da Guarda.
Desde o equipo de goberno afirman que "con estas subvencións o alcalde, Antonio Lomba, reforza o compromiso coas asociacións que teñan como obxectivo a realización de actividades, proxectos ou iniciativas nos ámbitos cultural, deportivo, social ou formativo".
Ningún comentario:
Publicar un comentario