“Todalas poetas son tu e ningunha coma ti”
Homenaxe a Xela Arias, muller, nai, editora, feminista, mestra, poeta e traductora
• Sábado 22 de maio ás 19:00 horas, na Praza do Reló. En caso de choiva trasládase á Casa dos Alonso
Infogauda / A Guarda
A Concellería de Cultura do Concello de A Guarda organiza unha completa programación de actividades en torno as nosas letras, centrada neste 2021 na figura homenaxeada este ano, Xela Arias, muller, nai, editora, feminista, mestra, poeta e traductora.
Xela Arias foi mestra no Instituto da Sangriña, e tralo seu falecemento, o centro de ensino secundario mantivo viva a súa figura e a súa importancia como poeta, convocando durante case unha década o Certame literario Xela Arias, cunha notable participación e calidade nos poemas seleccionados.
"O Concello de A Guarda fixo un esforzo por divulgar a figura e a obra desta singular poeta, que cultivou un estilo propio, moi persoal e algo incomprendido polos estándares literarios da súa época. Deste xeito a programación está pensada para sacar a súa obra á rúa e captar a atención dos veciños, en xeral, para os amantes da literatura e tamén para os menos lectores, para que a coñezan e descubran algunhas das composicións que esconden fermosura, misterio, inconformismo,...", salienta a concelleira de Cultura, Mª Monserrat Magallanes Álvarez.
Así mesmo, e tendo en conta que a vinculación de Xela coa nosa vila vén pola súa docencia no instituto as actividades foron combinadas e ideadas en colaboración co Departamento de Lingua Galega do Instituto da Sangriña baixo o nome “Todas as poetas son tu e ningunha coma ti”, parafraseando un verso adicado ao seu fillo incluído no libro Darío a Diario (1996). Igualmente contan coa participación doutros colectivos e organismos como son a Biblioteca Pública Municipal de A Guarda ou a Agrupación Cultural Guardesa.
Unha das actividades que está patente nestes días é unha exposición de poemas polos comercios da vila, que integra versos da autora nos seus escaparates xerando así unha ruta literaria pola localidade, sorprendendo aos transeúntes e curiosos.
Outra das actividades é a lectura pública de poemas que terá lugar o sábado 22 de maio na Praza do Reló ás 19:00 horas, e que contará coa participación de alumnado e docentes do IES A Sangriña, así como integrantes da Agrupación Cultural Guardesa.
E para rematar o sábado día 29 de maio, ás 19:00 horas, no Centro Cultural da vila, presentarase unha actuación escénica baseada no poema titulado “Vencerse é cousa de se tratar”, incluído no último libro - Intempériome - publicado en 2003 por Xela Arias. Esta proposta ten unha significación especial, xa que trátase da posta en escena dun recital que Xela estaba preparando co músico Fernando Abreu no momento do seu falecemento. Dentro do labor de preparación previo a este recital quedaron gravados certos poemas na voz de Xela. Estas gravacións foron recuperadas por Abreu, así como o espírito do espectáculo e deron forma a esta actividade na que agora participan o propio Fernando Abreu como director artístico e músico, Mónica DeNut na lectura dos poemas, Pablo Carrera á guitarra e Roi Fernández a cargo do contido audiovisual.
Os actos públicos dos día 22 e 29 de maio, contan, como ven sendo habitual, cun protocolo COVID-19, sendo preciso anotarse cunha semana de antelación en centrocultural@aguarda.es
Actividades cos centros escolares
Ademais destas actividades realizadas en torno a Xela cabe destacar a convocatoria do II Tendal de poemas que se realiza co alumnado dos centros escolares Manuel Rodríguez Sinde, As Solanas, CPR San José e Centro de Educación Especial San Xerome.
Estes centros seleccionaron poemas dentro do amplo repertorio da Literatura na nosa lingua, e decorados sobre lenzos de roupa que están “colgados ao sol” en diferentes enclaves da nosa vila, concretamente os lavadoiros de A Cal, A Ribeira, Fedorento e Netos. Estes debuxos poden verse ata final de mes, sempre que a climatoloxía o permita.
Ademais desta actividade os centros públicos da vila (CEIP Manuel Rodríguez Sinde, CEIP As Solanas e CEIP A Sangriña) realizaron unha exposición sobre Xela Arias que se pode visualizar na Praza de Avelino Vicente.
Homenaxe do IES A Sangriña
Pola súa banda, o IES A Sangriña preparou a súa homenaxe institucional este venres coas seguintes propostas:
1. Descubrimento dunha praca conmemorativa cun verso de Xela Arias, escollido por unha Comisión do IES.
2. Adicar unha das aulas de nova creación do centro (antiga vivenda do conserxe) co nome de "Aula Xela Arias".
Ningún comentario:
Publicar un comentario