19 de maio de 2021

TUI

Maica Larriba asistiu ao exercicio de seguridade  marítima MARSEC-21 

· O simulacro contou coa participación de 75 persoas, 10 embarcacións e 1  helicóptero

 

A subdelegada do Goberno acudiu esta mañá a Tui, onde está a ter  lugar un exercicio de seguridade marítima conducido pola Armada  Española

Foto: S. de G.

Infogauda / Tui

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra,  Maica Larriba, asistiu esta mañá ao exercicio avanzado de seguridade marítima  MARSEC-21, conducido pola Armada Española e que tivo lugar nas augas  internacionais do Miño. O capitán da Comandancia Naval do Miño, Juan Díaz  Rodríguez, acompañou á subdelegada na súa visita ao operativo. Estaban  presentes tamén o seu homólogo portugués, Pedro Jorge, o capitán marítimo en  funcións de Vigo, Pablo Pedro, o capitán de navío ao mando dos patrulleiros de  vixilancia marítima, Ramón Fernández, a concelleira de Urbanismo, Facenda e  Parques e Xardíns de Tui, Yolanda Rodríguez, así como outras autoridades.  

 O exercicio MARSEC-21 é un exercicio avanzado de seguridade marítima  conducido pola Armada España que se está a desenvolver durante o día de hoxe e  de mañá no tramo internacional do Río Miño á altura do Paseo Fluvial de Tui.  

 O simulacro conta coa participación da Comandancia Naval do Miño, o patrulleiro Cabo Fradera, a Unidade de Buceo de Ferrol, a Axencia Galega de Emerxencias, o  grupo 43 do Exército do Aire, o parque comarcal de Bombeiros do Baixo Miño,  Protección Civil de Tui, Salvamento Marítimo, Gardacostas de Galicia, técnicos de  Costas do Estado e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Así mesmo, tamén  participa a Autoridade Marítima portuguesa e as agrupacións de Bombeiros  Voluntarios de Valença e de Vila Nova de Cerveira.  

 En total, 75 persoas, 10 embarcacións e un helicóptero participaron nas manobras  do día de hoxe que recrearon o accidente e afundimento dunha embarcación e a  desaparición dos seus ocupantes. Un deles quedou atrapado a bordo e tivo que ser  rescatado polos submarinistas da Armada española e da Autoridade Marítima  portuguesa e os outros dous tripulantes, arrastrados pola corrente do río, foron  rescatados posteriormente polos membros das diferentes embarcacións e o  helicóptero de salvamento.  

 O obxectivo principal do operativo é mellorar a coordinación entre as unidades da  Armada e os organismos gobernamentais e non gobernamentais con responsabilidade ou relacionados coa Acción do Estado no Mar e a seguridade  marítima.  

MARSEC 2021 

 As Forzas de Acción Marítima (FAM) realizan anualmente unha serie de exercicios  denominados MARSEC (Maritime Security) coa finalizada de fomentar o  coñecemento mutuo e a mellora entre os diferentes organismos e axencias  implicadas na Acción do Estado no Mar.  

 No presente ano, o MARSEC desenvólvese en trece escenarios distribuídos por  todo o territorio nacional entre os días 17 e 28 de maio. Polo seu carácter  fronteirizo, o de Tui é o único escenario internacional e que esixe a implicación de  medios estranxeiros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario