13 de maio de 2021

A GUARDA

O BNG LEVA NOVAMENTE AO PARLAMENTO GALEGO A SITUACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE DA GUARDA  

Anxo Lois Baz Vicente (portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello guardés): “A desatención do Centro de Saúde da Guarda por parte da Xunta de Galiza é unha auténtica vergoña, están deteriorando ata límites escandalosos a atención primaria no noso Concello”  


Anxo Lois Baz Vicente e Manuel Antonio Lourenzo Sobral, diante do Centro de Saúde de A Guarda, amosando a proposta presentada polo BNG noa Parlamento de Galicia

Infogauda / A Guarda

 O centro de saúde da Guarda padece desde fai anos unha situación que os propios profesionais da sanidade califican de extrema. A falta de cobertura das ausencias dos profesionais- en algún caso por máis dun ano- fan que o colapso da atención primaria sanitaría sexa unha realidade cotía. Esa é á valoración que fai o Bloque Nacionalista Galego.

 O  portavoz municipal do BNG Anxo Lois Baz Vicente afirma: “Hai veciños e veciñas que levan máis dun ano sen médica/o de referencia, o que implica un deterioro da atención sen precedentes. A desatención do centro de saúde da Guarda por parte da Xunta de Galiza é unha auténtica vergoña, están deteriorando ata límites escandalosos a atención primaria no noso Concello”.  

 Pola súa parte Manuel Antonio Lourenzo Sobral, deputado do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento de Galicia, declara: “A situación acada tal nivel de gravidade que hai escasos días o centro de saúde ficou con un único facultativo para atender a toda a veciñanza, o que obrigaría a deixar o centro de sáude sen atención, se houbese unha urxencia que obrigase a saír”.  

 Por todo isto o deputado nacionalista vén de presentar no Parlamento Galego “unha proposta para solucionar urxentemente os problemas deste centro cubrindo as baixas e ausencias de persoal e dotanto ao centro de saúde do persoal necesario, reforzando os servizos de enfermaría, pediatría e PSX e contemplando o dobre equipo en urxencias no PAC”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario