3 de maio de 2021

A GUARDA

A Policía Local efectúa controis preventivos de alcoholemia

• Neste mes de maio continúa coa vixianza da seguridade vial en rúas da vila 


Efectivos da Policía Local de A Guarda nun control de alcoholemia na rúa Diego Antonio Gonzalez

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O alcohol - ademáis dos excesos de velocidade e o uso de teléfonos móbiles mentres se conduce, entre outros - é un dos factores de risco máis frecuentes implicados nos accidentes de tráfico. Estudos contrastados estiman que de cada 100 accidentes mortais de tráfico, o alcohol está implicado dun xeito ou de outro,  entre 30 a 50 deles. Por iso, ninguén debemos esquecer que conducir baixo os efectos do alcohol é unha práctica perigosa e as consecuencias máis habituais son vítimas mortais ou graves incapacidades con limitacións funcionais para sempre.

 No día de hoxe, o equipo de goberno do Concello de A Guarda vén de facer público que "a Policía Local, en colaboración da Dirección General de Tráfico (DGT), recibiu en préstamo un aparello para a realización das probas de control de alcohol en aire expirado. 

 Deste xeito, dende a semana pasada iniciouse unha campaña de control da seguridade vial en rúas da vila, que deu coma resultado dúas alcoholemias positivas. 

 Nese operativo, no que se controlaron un total de 10 vehículos, detectáronse dúas alcoholemias con resultado positivo, cun resultado de dúas sancións administrativas. 

 Dende a Concellería de Tráfico do Concello de A Guarda apélase á responsabilidade dos condutores para evitar, na medida do posible, situacións de risco nas estradas".

Ningún comentario:

Publicar un comentario