OS CENTROS EDUCATIVOS DE TOMIÑO CELEBRAN O DÍA DO LIBRO
UN RETO DE MANIQUÍ, BANDEIROLAS CON PORTADAS DE LIBROS OU A VISITA DE CÉSAR LORENZO, FORON ALGUNHAS DAS ACTIVIDADES DESENVOLVIDAS PARA CONMEMORAR A DATA
Infogauda / Tomiño
O 23 de Abril foi Día do Libro e desde os centros educativos de Tomiño leváronse a cabo distintas actividades para conmemorar esta destacada data.
No CEIP Plurilingüe de Tebra o alumnado de 5 e 6 anos puxo a traballar o seu espíritu creativo preparando un libro sobre o seu día a día na escola, motivo polo que recibiron como premio unha rosa de origami, un agasallo típico desta celebración.
A xornada complementouse coas realización de recomendacións lectoras e un marcapáxinas por parte do alumnado ademais da creación dun Reto de maniquí e dun Movimento detido, baseados no libro O monstro de cores.
No CEIP de Sobrada tamén botaron man da creatividade para conmemorar o Día do Libro. O alumnado do centro votou cales eran as súas portadas de libros favoritas e coas gañadoras crearon unhas grandes bandeirolas con debuxos das mesmas que penduraron nas xanelas colexio.
A visita de César Lorenzo foi o máis destacado do día no IES Antón Alonso Ríos. O editor de grandes obras de éxito como Vidas Imaxinarias, O souto dos catro ventos ou Atlas da Galicia pequeniña, mantivo un interesante encontro co alumnado do Club de Lectura e da materia de Literatura Universal, onde respondeu a moitas cuestións sobre o mundo que rodea a creación dun libro (autoría, ilustración, tradución, edición,…).
Tamén se levou a cabo outra actividade, a “Sementeira Libreira”, na que o IES se encheu de sementeiras cheas de libros a disposición do alumnado e o profesorado coas que se procura facer agromar novos lectores e lectoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario