13 de abr. de 2021

TOMIÑO

O Concello de Tomiño retoma a programación cultural co espectáculo “Só.”, do artista Xampatito Pato  

A función será o vindeiro 25 de abril ás 17:30 horas no Auditorio de Goián 

 

Xampatito Pato, co seu espectáculo “Só.” - Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 A programación cultural volve a Tomiño o vindeiro 25 de abril. Será ás 17:30 horas, no Auditorio de Goián, a mans do artista Xampatito Pato, co seu espectáculo “Só.”, unha auténtica revelación na escena circense.   

 O artista pasou polos principais festivais de circo e rúa, e tamén estivo en diversos teatros de todo o país. “Só.” recibiu múltiples premios e recoñecemento, unha proposta de malabares elegante e divertida, cunha disciplina pouco estendida como a "cigar box", que sorprende pola súa orixinalidade: un personaxe obsesivo, cuadriculado e meticuloso, un ser único na súa especie rodeado dun sin fin de caixas que escapan ao seu control e coas que xoga para dar forma ao seu mundo. Do caos xorde un universo delirante onde inventa a risa, creando unha loucura cómica e transformándose nun novo ser cunha nova figura.  

 O espectáculo é apto para todos os públicos e terá unha duración aproximada de 50 minutos. A entrada terá un prezo de 3 euros para as persoas maiores de 12 anos e de 1,5 euros para as menores desa idade. Pódese reservar praza a través do correo electrónico cultura@tomino.gal ou chamando ao 986 62 20 01. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario