As sobreiras da Ermida da Madalena, incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia
· Este logro é un recoñecemento do traballo para a posta en valor deste patrimonio natural único, para o que se contou coa inestimable implicación da CMVMC das Eiras e do seu presidente, Xoan Carlos Gándara González, como promotor
Infogauda / As Eiras (O Rosal)
O conxunto de sobreiras da Ermida da Madalena, na parroquia de As Eiras, no concello do Rosal acaba de ser incorporado ao Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, un rexistro público dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no que figuran todas aquelas árbores e formacións que merecen unha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais.
Un logro que supón un recoñecemento do traballo para a posta en valor deste patrimonio natural único de grande importancia, para o que contou coa inestimable implicación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común das Eiras, con especial implicación do seu actual presidente, Xoán Carlos Gándara González, promotor da iniciativa. “Para nós é importante que se recoñeza a riqueza histórica, ambiental e patrimonial que temos no municipio e estas árbores non soamente contaban coas condicións idóneas para ser incluídas no catálogo polo seu porte, senón tamén pola paraxe singular na que se atopan”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Na solicitude destacáronse os principais valores destas catro árbores singulares, pertencentes á especie Quercus suber L. con excepcionais características no seu porte e dendrometría (indicadores como o grosor á altura normal (1,30 m), a altura total, a altura do fuste, o perímetro de tronco ou o diámetro de copa e a idade), especialmente os tres exemplares de maior tamaño. Así, as árbores constitúen un conxunto de catro exemplares que chegan ata os 22 metros de altura. Teñen un perímetro que oscila entre os 3,8 e os 4,3 metros e forman entre todas unha copa cunha base de forma elíptica de 32 m no eixo maior e 23 m no menor.
Outra das características que influíron na súa inclusión no catálogo son os seus notables valores estéticos e paixasísticos ao atoparse ao pé da capela da Madalena, ben de interese patrimonial catalogado, e o valor histórico do conxunto, situado a carón dun xacemento arqueolóxico. Ademais, a capela aparece mencionada en documentos do século XII como pertencente ao Mosteiro de Oia e tamén está acreditado que a zona - onde ainda perdura o topónimo Monte Real - serviu de emprazamento de pezas de artillería nas guerras con Portugal.
Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia
Este catálogo, que está en constante actualización, ten rexistrados neste momento case 179 elementos de 80 especies diferentes elementos espallados por toda a comunidade galega, 157 exemplares individuais e 39 formacións arbóreas. Coa inclusión das sobreiras da Madalena no catálogo garántese a protección e conservación do conxunto, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente a súa integridade, saúde ou á súa aparencia e calquera proxecto a realizar necesitará autorización administrativa previa da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario