O CRA María Zambrano do Rosal celebra o Día do Libro repartindo marcapáxinas interactivos
· O alumnado elaborou marcadores con debuxos inspirados nun conto infantil e un código QR que leva a un vídeo do neno ou nena lendo o libro recomendado
· Este venres tamén foron entregados os premios ao bo lector do ano 2020 da Biblioteca municipal e coñeceuse o gañador do concurso ‘Fomentando a lectura’
Cada un dos marcadores conta cun debuxo inspirado nun conto infantil acompañado dun código QR que leva a un vídeo do autor ou autora do marcapáxinas contando o libro que recomenda - Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Rosal conmemora este venres 23 de abril o Día do Libro cunha morea de actividades para todas as idades coas que incentivar a lectura entre os rosaleiros e rosaleiras. O alumnado do CRA María Zambrano do Rosal tamén se sumou a todas estas iniciativas repartindo hoxe marcapáxinas interactivos elaborados polos nenos e nenas nos últimos días.
Cada un dos marcadores conta cun debuxo inspirado nun conto infantil acompañado dun código QR que leva a un vídeo do autor ou autora do marcapáxinas contando o libro que recomenda. Os vídeos poden verse tamén na canle de Youtube do CRA. Os marcadores foron repartidos polos establecementos rosaleiros para regalar á clientela. Poderán recollerse tamén en dependencias municipais como o Concello, o mercado ou o auditorio.
Premios
Este venres tamén foron entregados os premios aos mellores lectores da Biblioteca municipal durante o pasado ano 2020. Os gañadores desta edición foron José Luis Iglesias na categoría de adulto, Álex Diego na categoría xuvenil e Yulissa Cividanes na infantil. Ademais dun diploma que acredita o seu bo hábito lector, os tres premiados foron agasallados con lotes de libros.
Coincidindo co Día do Libro tamén se realizou o sorteo do concurso ‘Fomentando a lectura’, un certame aberto a todos os rosaleiros e rosaleiras co que se buscaba a dinamización e promoción da lectura a través de vídeos nos que as persoas participantes podían facer as súas propias recomendacións ou ler o parágrafo dalgún libro que lles gustara. A gañadora do sorteo e do lote de libros foi Laura Varea Cascallar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario