12 de abr. de 2021

O ROSAL

O Concello do Rosal viaxará pola Galicia máxica da man de Marta Ortiz  

Actuación de balde e para toda a familia ao abeiro da programación de abril, mes do libro no Rosal 

Será este 17 de abril ás 19.00 horas no Auditorio Municipal e é necesaria inscrición previa  

 

                      Marta Ortiz estará o sábado día 17 de abril no Auditorio Municipal do Rosal - Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal continúa coa súa programación especial para este abril, mes do libro no municipio, coa que se busca convidar a toda a veciñanza a desfrutar da lectura e da literatura dende ben pequenos. Por este motivo, este sábado 17 de abril chega ao Auditorio Municipal rosaleiro (19.00 horas) Marta Ortiz co seu ‘Galicia máxica’, un espectáculo de balde para público infantil e familiar co que achegar a nenos e nenas ao patrimonio cultural galego dun xeito divertido. 

 Durante un bo anaco, o público poderá desfrutar dun espectáculo de narración oral, contacontos, música e manipulación de obxectos nos que tradicións galegas, romances, cancións e xogos serán protagonistas. Unha viaxe única pola Galicia máis sorprendente, chea de seres máxicos, cancións, xogos e tradicións que gardan con elas as costumes e o sentir dun pobo.  

 A entrada será gratuíta e con aforo limitado a 60 persoas polo que será necesario facer inscrición previa a través da web do Concello. A actuación desenvolverase cumprindo con todas as medidas e protocolos de seguridade marcados polas autoridades sanitarias.  

E moito máis 

 A programación para este mes complétase cunha proposta interactiva na que se invita a toda a veciñanza a participar no concurso de fomento da lectura que se está a celebrar, para o que hai que enviar un vídeo recomendando un autor e un libro e mesmo lendo un parágrafo da obra. Ademais, membros do Club de Lectura do CPI Manuel Suárez Marquier están a facer as súas recomendacións de forma visual e diferentes rosaleiros e rosaleiras participarán na lectura de ’27 historias para tomar sopa’ poñéndose ante a cámara para ler as historias para nenos e nenas que recolle o libro.  

 Todas estas iniciativas estanse a difundir durante todo este mes de abril a través da web e das redes sociais do Concello xunto a un vídeo do alumnado do CPI lendo un conto, outro libraría do Rosal dando a coñecer o máis demandado nestes intres en literatura para diferentes idades e un vídeo promocional da Biblioteca municipal. Será precisamente a biblioteca e os seus usuarios e usuarias os protagonistas doutra actividade: o premio ao bo lector na categoría de Infantil, Xuvenil e Adulto, que se entregará o vindeiro 23 de abril.  

 Dende o Concello quérese agradecer a colaboración desinteresada de todas as persoas que participan neste proxecto, iniciativas culturais tan necesarias nestes intres.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario