30 de abr. de 2021

MOAÑA

A CIG mobilízase contra o peche dunha oficina de Abanca en  Moaña e as restricións de servizos á clientela 

Na concentración participaron tamén numerosos/as veciños/as e unha  representación do Goberno local, coa alcaldesa á cabeza 


A CIG desenvolveu hoxe unha mobilización diante da oficina de Abanca, de Moaña, na cal participaron a alcaldesa, concelleiros, veciños da vila e membros da CIG

Foto: CIG

Infogauda / Moaña

 A CIG desenvolveu hoxe unha mobilización diante da oficina de Abanca na rúa Concepción Arenal  de Moaña para rexeitar o peche da sucursal da rúa Ramón Cabanillas e denunciar a restrición de  servizos na atención presencial ao público. Na concentración participaron tamén numerosos/as  veciños/as e unha representación do Goberno local moañés, coa alcaldesa á cabeza. 

 Segundo denuncian dende a central sindical, os peches e nas restricións de servizos (Abanca só  atenderá de 8:00 a 11:00 horas a partir de xuño) forman parte dun plan imposto para dixitalizar a  clientela posto en marcha conxuntamente polos bancos, “atentando contra a competencia, sen que  houbese actuación por parte da Xunta de Galiza ou do Ministerio de Economía”.  

 Entenden que no caso de Abanca, como herdeira das Caixas de Aforros Galegas e como primeira  entidade financeira galega, debera ter en consideración a propia dispersión xeográfica e o  avellentamento da poboación galega “antes de replicar as políticas bancarias deseñadas polos  grandes grupos bancarios dende Madrid, unhas políticas impostas que buscan incrementar os  beneficios a costa da destrución do emprego e da marxinación financeira”. 

 Por iso durante a mobilización celebrada este mediodía en Moaña despregouse unha faixa na que se  podía ler “Abanca deixa sen servizo a clientela e destrúe postos de traballo. Polo dereito ao acceso  aos servizos financeiros e contra a reconversión antisocial da banca” e berráronse consignas  denunciando a actitude da dirección e reclamando o mantemento da oficina”. 

 Precisamente con este mesmo obxectivo o BNG de Moaña presentou unha moción que foi aprobada onte por unanimidade polo pleno da corporación. Ademais, unha representación do Goberno local  -integrado por BNG e PSOE-, coa alcaldesa á cabeza, participou na mobilización que tivo lugar este mediodía na localidade morracense. 

 Dende a sección sindical da CIG en Abanca adiantan que continuarán a rexeitar na rúa os peches de  oficinas previstos pola dirección da entidade financeira, tal e como demanda a veciñanza que  participa nas distintas protestas organizadas pola central sindical 

Ningún comentario:

Publicar un comentario