23 de abr. de 2021

LABORAL

O comité de Unísono convoca unha xornada de folga ante os reiterados abusos da empresa

O centro de chamadas con sede en Vigo quere obrigar o persoal a usar o seu móbil particular 

 Infogauda / Vigo

 O comité de empresa de Unísono, compañía do sector dos centros de chamadas con sede en Vigo, convoca unha xornada de folga o vindeiro venres día 30 ante os reiterados abusos que está a  cometer a dirección dende o inicio da pandemia. Ao paro de 24 horas está chamado tanto o persoal  propio como o das ETT. 

 Dende o comité de Unísono, presidido pola CIG, denuncian a fixación de obxectivos de venda de  produtos e produtividade “inasumíbeis e abusivos” e acusan a empresa de exercer presión sobre o  persoal para acadalos, así como que ás traballadoras/es non se lles facilitan os medios necesarios  para desenvolver o teletraballo nin se permite a comunicación da representación sindical co persoal  que traballa dende as súas casas. Ao mesmo tempo, fan fincapé no incumprimento reiterado da  desconexión dixital e no feito de que a compañía non abona os gastos asumidos polo persoal  durante o traballo a distancia. 

 Pero “a pinga que colmou o vaso” é o que está a acontecer co persoal que traballa na campaña de ING: “As empregadas/os son chantaxeadas/os e coaccionadas/os, a empresa xoga coa súa saúde e  seguridade, pretendendo que utilicen os seus móbiles persoais para instalarse unha aplicación  empresarial para poder traballar dende a casa”. E se o persoal de ING non accede, Unísono obrígao a volver ao traballo presencial, “importándolle pouco que o teletraballo fose implantado como unha  medida sanitaria para conter a pandemia”. 

 Por iso censuran que a dirección estea a utilizar a continuidade do teletraballo “como moeda de  cambio e ameaza” para lograr o seu obxectivo, “que non é outro que as traballadoras/es de Unísono  poñan á súa disposición os medios persoais necesarios para desenvolver o traballo”. Ademais,  advirten que o que hoxe está a acontecer na campaña de ING “pode pasar en calquera momento  noutra das campañas de Unísono Vigo”. 

 Finalmente, lamentan que a empresa non queira chegar a ningún tipo de acordo a pesar das  tentativas da parte social e consideran que xa é hora de que Unísono deixe de aproveitarse da  situación de pandemia “para seguir a aumentar os seus beneficios”

Ningún comentario:

Publicar un comentario