Maica Larriba anuncia a licitación do proxecto que permitirá reparar o tramo derrubado do paseo de Sabarís
· A subdelegada do Goberno visitou esta mañá a zona, xunto ao alcalde de Baiona, Carlos Gómez
Infogauda / Baiona
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou esta mañá xunto ao alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e o enxeñeiro do Servizo Provincial de Costas en Pontevedra, Antonio Iglesias, a zona do paseo de Sabarís que será obxecto da primeira fase de recuperación desta avenida.
Durante a visita, Larriba amosou a súa satisfacción “por poder dar por fin solución a este tramo do paseo”, que no ano 2018 sufriu un derrubamento, pero salientou que “o obxectivo e desexo do Goberno e do Concello é que a mellora da totalidade do paseo sexa unha realidade o antes posible”.
A subdelegada agarda que “a recuperación deste tramo, que leva xa un tempo en desuso, poida estar lista de cara o verán, que é cando mais uso ten por parte da veciñanza e dos visitantes”. O prazo previsto para a execución da obra é de 3 meses e está previsto licitala con carácter inminente.
Pola súa banda, o alcalde de Baiona agradeceu “a implicación e compromiso da Subdelegada do Goberno e do Servizo Provincial de Costas co proxecto, que permitirá adaptar o paseo ás necesidades dos veciños e veciñas da parroquia de Sabarís”. Así mesmo, o alcalde explicou que “a reposición deste tramo será a primeira obra de mellora que se acometerá no paseo, cuxo acondicionamento levarase a cabo en diferentes fases que agardamos poidan estar rematadas antes do fin da lexislatura”
Reparación de zona derrubada
O pasado 23 de febreiro procedíase á aprobación técnica deste proxecto que, cun orzamento base de licitación de 199.114,18€, permitirá restituír os 50 metros do paseo derrubados no ano 2018. Con esta intervención poderase substituír o muro actual por un manto de escollera similar ao existente no resto do trazado do paseo cara ao suroeste. Ademais, procederase a retranquear aproximadamente 4 metros o tramo afectado, de xeito que o pé da escollera non ocupe máis superficie de marisma que o actual muro.
A reparación formúlase como unha primeira fase da reconstrución posterior do resto do paseo coa mesma tipoloxía de talud de escollera, razón pola cal no extremo oeste da reparación – no punto no que enlaza co muro existente - executarase unha escollera provisional que conteña lateralmente o valo de xeito temporal, ata que se proceda á reparación do resto da avenida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario